5 de outubro. Día do profesorado

A recuperación empeza polo profesorado

Neste ano 2010, a Internacional da Educación, organización internacional que agrupa a 401 organizacións sindicais e máis de 30 millóns de docentes de todo o mundo, da que a CIG-ENSINO é membro fundador, celebra baixo o lema “A recuperación empeza polo profesorado” o Día Mundial do Profesorado.

Esta conmemoración foi instituída pola UNESCO no 1994 elixindo como data o 5 de outubro por corresponder ao día en que no ano de 1966 se fixo pública a Declaración conxunta UNESCO/OIT sobre a Situación do Persoal Docente. Sendo esta conmemoración unha mostra de recoñecemento internacional á contribución vital do profesorado á educación e ao desenvolvemento das sociedades dos distintos países.
A Internacional da Educación e os sindicatos que dela formamos parte asumimos como nosa esta data, e queremos reivindicar o papel imprescindíbel dos e das docentes na nosa sociedade, papel moitas veces infravalorado. Ao mesmo tempo queremos denunciar a situación de compañeiros e compañeiras docentes que en diversos países do mundo seguen a ser perseguidos, detidos e incluso asasinados por desenvolver o seu labor profesional.

Neste ano 2010, o lema da conmemoración é moi axeitado á situación na que estamos a nivel mundial e na Galiza, unha situación de crise do sistema económico neoliberal, unha crise que só se poderá superar cun cambio de sistema e apostando por un novo que se basee na economía produtiva e no potenciamento dos servizos públicos.

A CIG-ENSINO aposta por ese novo sistema e por iso denunciamos as políticas que están a aplicar os gobernos galego e español de reducir os investimentos nos servizos públicos e en concreto no ensino reducindo profesorado, eliminando a gratuidade dos libros de texto, reducindo orzamentos dos centros, etc.

En Galiza, a CIG-ENSINO, como organización maioritaria entre o profesorado, chama aos compañeiros e compañeiras neste Día Mundial do Profesorado 2010 a seguir traballando día a día polo ensino público e en galego e polos dereitos laborais do noso colectivo e de toda a clase traballadora; e a seguir mobilizándose cando sexa preciso tal e como se amosou o pasado 29 de setembro coa masiva participación de profesorado na folga xeral.

Nesta conmemoración do noso día facemos tamén un chamamento á sociedade en xeral para que adquira consciencia de que só un sistema público de ensino axeitado á realidade da nosa nación é garante da formación que precisan as novas xeracións para poder construír a Galiza do futuro.

Volver