28 de Xuño: celebrar a diversidade, defender os dereitos, combater o odio!

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas para este domingo nas sete cidades ante o incremento da violencia e as agresións contra o colectivo LGTBIQA+

A CIG-Ensino participou onte nunha Mesa Redonda organizada por Atréve-t (Asociación de estudantes trans, non binaries e intersex da USC) para denunciar o intento de control e censura no ensino por parte da Consellaría de Educación a través das instrucións sobre a neutralidade ideolóxica. Durante a mesma, a secretaria das Mulleres e Igualdade, Maruxa Martínez, expuxo a necesidade de tratar a diversidade de xénero e de orientación sexual nos centros de ensino para frear a ofensiva represiva e de vulneración de dereitos humanos contra o colectivo  LGBTIQ+ no contexto sociopolítico actual.  

Ás portas dun novo 28 de xuño, no contexto mundial de auxe do fascismo, a CIG chama a toda a súa afiliación a saír ás rúas unha vez máis e a celebrar a loita, o orgullo e a existencia.  A celebrar os avances e a combater os retrocesos. Porque conmemorar o 28 de xuño segue a ser un acto de resistencia.

57 anos despois do movemento popular en resposta á represión, ás redadas e ao asedio da policía estadounidense ás persoas trans, travestis, homosexuais e lesbianas marxinalizadas que frecuentaban o local Stonewall Inn, milleiros de persoas seguimos enchendo as rúas de todo o mundo esixindo igualdade de oportunidades e dereitos para todas as persoas, con independencia do seu xénero, orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e características sexuais.

Se o pasado 17 de maio desde a CIG reivindicamos  a igualdade de dereitos e respecto para as persoas homosexuais, bisexuais, trans, intersex, asexuais, cuir, de xénero fluído etc., denunciabamos as discriminacións, o acoso e outras situacións de violencia por parte daquelas persoas que declaran ser parte do colectivo, parecelo ou simplemente apoialo e defendelo, e lembrabamos que aínda hoxe en día, algúns países a diversidade afectivo/sexual segue a estar penada con prisión (mesmo con pena de morte); hoxe, ante unha nova celebración do 28 de xuño, instamos a visibilizar as vivencias diversas  e a esixir o dereito a vivir en liberdade e con dignidade para todas as persoas.

Combater a LGBTI+fobia desde os centros de ensino

Precisamente onte mesmo celebrouse unha Mesa Redonda baixo o título "A neutralidade no ensino" e a censura da disidencia sexual e de xénero, organizada pola Asociación Atréve-t da USC, e que contou coa participación da Rede educativa Apoio LGBTIQ+ Galicia e da CIG-Ensino. A representante do sindicato, Maruxa Martínez, que é responsábel de Mulleres e Igualdade criticou a falacia que supón o concepto de neutralidade ideolóxica introducido o curso pasado pola Consellaría de Educación nas instrucións que regulan as ensinanzas de infantil, primaria, secundaria e bacharelato en Galiza. Un concepto que está a ser empregado para limitar a liberdade pedagóxica dos centros a través das actividades complementarias, que introduce un papel censor das inspeccións e un control das temáticas pretendendo a autocensura do profesorado. Con respecto á incidencia destas instrucións na defensa dos dereitos do colectivo LGBTIQ+, Martínez referiuse á actual situación sociopolítica, cunha deriva mundial e particularmente no Estado español cara ao odio, a violencia e as agresións ás persoas deste colectivo e incidiu na necesidade de tratar estes contidos transversais nos centros de ensino e lamentou que en Galiza a administración educativa vaia un paso por diante na ofensiva autoritaria colocándose no lado do cuestionamento da defensa dos dereitos humanos en lugar de combater os discursos de odio. Neste sentido, a representante da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia, Ana Ojea, incidiu na importancia da formación do profesorado e da colaboración coas entidades que defenden este colectivo, así como de planificar as actividades extraacadémicas con antelación e non ter medo a introducir os cambios que se consideren oportunos para responder ante cuestións de actualidade. 

Compromiso activo da CIG e da CIG-Ensino

Conscientes de que a diversidade sexual e de xénero debe ser contemplada como tal na esfera social, lexislativa, educativa e laboral, desde a CIG amosamos, unha vez máis, o noso compromiso activo e a nosa firmeza no combate contra o heteropatriarcado e a LGBTI+ fobia. No caso do ensino público a protección e defensa dos dereitos do profesorado pertencente a este colectivo están incorporadas nas nosas achegas durante as negociacións tanto do Plan de Igualdade como do Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso. Unhas negociacións nestes intres paralizadas intencionadamente pola Consellaría despois de modificar o Protocolo contra o acoso da Xunta para deixar fóra explicitamente o persoal docente e non enfrontarse a sentencias condenatorias. A CIG-Ensino volve urxir a rematar canto antes esta negociación para que a administración educativa deixe de incumprir a normativa e permitir que o profesorado estea amparado legalmente ante calquera situación de acoso que pode sufrir no seu posto de traballo, sexa da índole que sexa.

Desde o Departamento de Igualdade da CIG lémbrase que se presta un servizo de información e atención integral en materia de dereitos LGBTI+ a todas as persoas que o precisen, a través do cal se imparte tamén formación e asesoramento á representación sindical, se insta a incluír na negociación colectiva cláusulas relativas á diversidade, esixir a negociación e aplicación de protocolos de prevención e actuación ante o acoso que contemplen tamén o acoso lgtbifóbico, así como a empregar unha linguaxe inclusiva (alén do binarismo), ou a presentar denuncias de delitos de odio e violencia no traballo relacionadas coa diversidade afectivo sexual ou a pertenza ao colectivo.

Entre os materiais que elaboramos están a Guía de uso dunha linguaxe inclusiva e respectuosa coa diversidadecoa intención de que todas as persoas se vexan reflectidas na nosa lingua sen estigmas, procurando garantir o seu emprego de xeito igualitario, aludindo a outro tipo de identidades de xénero alén do binarismo e erradicar termos discriminatorios; o Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso laboral, sexual, por razón de sexo e de xénero, orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero e características sexuais; así como o Protocolo de acompañamento a persoas trans, as Cláusulas de diversidade para incluír na negociación colectiva e os Plans de igualdade LGBTI+.

Medidas declarativas en troques de cambios reais

Neste 28 de xuño a CIG denuncia tamén o desinterese do Goberno galego en modificar a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza, para adaptaro o contido ás novas normas e definicións e para dotala de recursos eficientes e de medidas sancionadoras.

Pola súa banda, o Goberno do Estado español e as organizacións partícipes do diálogo social continúan avalando a fraude que representa o Real Decreto 1026/2024 que desenvolve a Lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI. Varios anos despois da súa posta en marcha, todo o avance previsto na aplicación da lei no ámbito laboral reduciuse a medidas simplemente declarativas nos convenios e non, como se agardaba, na negociación de medidas de cambio real, con propostas deseñadas conforme á realidade concreta de cada empresa ou administración tras realizar unha análise previa da situación nestas, como estaba previsto inicialmente.

Loita interseccional

Como sindicato de clase, comprometémonos coa loita interseccional, conscientes de que a relación entre a orientación sexual, a identidade de xénero e a loita de clases baséase nunha premisa fundamental: a opresión das persoas traballadoras e que esta se combate de xeito conxunto.  A loita de clases garante o respecto aos dereitos fundamentais, e iso inclúe un contorno laboral libre de discriminación, a defensa das persoas trans no emprego e o dereito a vivir a propia identidade sen perder o sustento económico.

A discriminación baséase moitas veces en manter divisións que benefician a un sistema de desigualdade social, polo que facer da diversidade un tema central na loita sindical e obreira fortalece a toda a sociedade.

Non podemos esquecermos o que querían aquelas persoas que iniciaron o movemento: o dereito a existencia antes de calquera outra cousa. Porque a partir do dereito de existir orixínanse todos os outros dereitos: ter acceso a emprego, saúde, educación, lecer, amar,  ter crianzas, casar, etc. Porque non se pode conseguir dereitos sen antes ser recoñecidas como persoas.

Participa nas mobilizacións do 28X

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas por diversos colectivos en Galiza,  con motivo da conmemoración do 28 de xuño, Día Internacional do orgullo LGTBI+:

  • A Coruña, domingo 28 de xuño, ás 19:30h, Praza de Ourense
  • Ferrol, sábado 27 de xuño, ás 12h, Praza Amada García
  • Compostela, domingo 28 de xuño, ás 12h, Praza 8 de marzo
  • Lugo, domingo 28 de xuño, ás 20h, Praza Horta do Seminario
  • Ourense, domingo 28 de xuño, ás 19h, Praza de Bispo Cesáreo
  • Pontevedra, sábado 27 de xuño, ás 20h, Parque das Palmeiras
  • Vigo, sábado 27 de xuño, ás 20h, Praza Fernando Católico

Volver