16.257 apoios en 4 semanas. O profesorado alza unha voz masiva e contundente en demanda de melloras profesionais e do ensino público galego

Trátase da campaña de recollida de sinaturas máis numerosa nos últimos anos entre o profesorado galego, nun tempo récord e de forma só presencial chegando ao 85% dos centros educativos

A campaña Alzar a voz. Tomar a palabra, desenvolvida pola CIG-Ensino xunto con STEG e CSIF-Ensino rachou todos os teitos. En apenas un mes o 54% do profesorado en activo, ou o que é o mesmo, o 77% do profesorado que votou nas últimas elección sindicais apoiou a demanda de recuperar o horario lectivo previo aos recortes, iniciar a redución de ratios en todas as etapas, eliminar burocracia e repartir linealmente a suba salarial sen discriminación entre docentes, que eran as bases mínimas que a Xunta de Galiza se negou a aceptar na negociación do mal chamado Acordo de Melloras do ensino público. Un Acordo que, desde a súa sinatura, o presidente Rueda non volveu mencionar, nin sequera en plena campaña electoral, o que demostra a súa nula relevancia para as condicións laborais docentes e para o ensino público en xeral. Ante este desprezo “por parte de quen se fixo a foto para nada” os sindicatos promotores interpelan directamente ás candidaturas que se presentan ás eleccións galegas para que se comprometan a escoitar e cumprir as reivindicacións da maioría sindical arroupada agora por unha maioría de docentes.

E o profesorado alzou a voz unanimemente 

Esta mañá os sindicatos promotores da campaña de recollida de sinaturas coa que se pretendía que o profesorado amosara a súa opinión, a xeito de referendo, sobre o Acordo de Melloras das condicións laborais docentes e do ensino público galego, asinado por Rueda, de forma totalmente inaudita, cunha minoría sindical deron a coñecer o resultado da mesma “que non pode ser máis que satisfactorio”. En apenas 4 semanas acadáronse 16.257 sinaturas manuscritas, na que é xa a campaña deste tipo máis numerosa realizada entre o profesorado galego nos últimos anos. Este récord demostra, en palabras do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, “o tremendo distanciamento que existe entre o colectivo docente coas políticas educativas dos últimos anos e o malestar coa indiferenza por parte da Consellaría de Educación cara ás súas demandas e coa negativa desta a devolverlle dereitos recortados e a mellorar de verdade as súas condicións laborais e o ensino público en xeral”. 

Pequena análise das sinaturas (ligazón)

Os datos non poden ser máis elocuentes se os comparamos coas eleccións sindicais celebradas hai tan só un ano: “os apoios recibidos supoñen un 27% máis que os votos obtidos polos tres sindicatos promotores e tendo en conta o total de votos obtidos polos tres sindicatos que deron o seu apoio ao acordo cabe concluír que  4 de cada 10 votantes desas organizacións asinaron esta campaña, o que demostra que a sensación de teren renunciado a conseguir a recuperación  dos dereitos arrebatados é xeralizada entre o profesorado”, salientou Bermello, á vez que enfatizou que “o máis relevante é que o profesorado alzou a voz e fíxoo de forma contundente”.

Aínda en termos comparativos, de todo o profesorado que votou nas eleccións de 2022, un 77% apoiou unha campaña que na súa formulación en positivo pedía superar o acordo e negociar cando menos estes catro obxectivos mínimos

  • Recuperación das 21 (infantil e primaria) e 18 sesións lectivas (demais ensinanzas) en dous prazos (curso 2024-25 e 2025-26).
  • Redución das ratios en todas as ensinanzas comezando xa en todas elas no curso 2024-25.
  • Eliminación da burocracia absurda e aplicación de medidas concretas contra a burocracia (liberación horaria para a xestión e coordinación didáctica e máis persoal administrativo).
  • Reparto lineal entre todo o profesorado das subas retributivas pactadas. 

A maiores un acordo “de melloras” que se queira denominar como tal debe incorporar medidas que supoñan unha mellora na atención á diversidade, a redución das ratios por orientación, o equilibrio horario entre as distintas ensinanzas do mesmo nivel...

Un presidente que se agocha e que agocha o Acordo 

Bermello destacou ademais “a estraña circunstancia de que o presidente Rueda garde un total mutismo co acordo asinado desde practicamente o acto da súa sinatura e que se oculten os seus supostos logros mesmo na campaña electoral, o que demostra que os seus propios datos lle indican o malestar provocado coas renuncias que implica o acordo”. “O profesorado é plenamente consciente deste feito, así como de que a o conselleiro e o presidente Rueda se negaran a acceder á petición da maioría sindical docente de reabrir unha nova negociación que permita resolver realmente as carencias que nestes intres hai nas aulas galegas”, enfatizou. 

Interpelación directa ao goberno que saía das urnas o día 18

Ante este panorama “no que hai un presidente e un goberno ausentes”, os tres sindicatos, co aval da maioría do profesorado referendado polas 16.254 sinaturas, interpelaron hoxe directamente ás candidaturas das organizacións políticas que aspiran a gobernar Galiza a partir deste domingo. Pedíronlles que se posicionen ao respecto das demandas do profesorado e que expliciten que reivindicacións están dispostas a asumir e, sobre todo, que volvan poñer a defensa do ensino público e o papel central do profesorado no centro das políticas do goberno da Xunta de Galiza, dado que nos últimos anos o seu peso non deixou de caer tanto nos orzamentos como nas iniciativas postas en marcha e non se contou co persoal docente á hora de adoptar medidas e cambios. O profesorado séntese abandonado día a día nas aulas, sentiu como este acordo pechado en falso foi unha oportunidade perdida e exixe ser escoitado como un dos colectivos fundamentais que sosteñen os servizos públicos deste país e que realiza unha función de enorme transcendencia social. Agora, teñen a palabra quen queren gobernar este país e dirixir a súa política educativa.

Volver