
138 socias e socios do Centro San Xerome esixen a realización dunha asemblea xeral extraordinaria para tratar a readmisión das persoas despedidas
Este venres día 13 celebrarase o xuízo polos despedimentos despois da demanda interposta pola CIG
Desde a CIG-Ensino valoramos como moi importante que 138 socios e socias reclamen o seu dereito a seren informados e a pedir a readmisión das persoas despedidas. É unha evidencia máis de que o Xerente e a Xunta Directiva fan e desfán sen dar contas a quen llas teñen que dar, o conxunto de socios e socias do San Xerome, que a día de hoxe non foron informados oficialmente nin dos despedimentos realizados, nin de en que motivos os fundamentan.
A CIG-Ensino denuncia o escurantismo da empresa que lle negou aos socios promotores desta recollida de sinaturas a posibilidade de contactar con todas as socias e socios do San Xerome para poder dirixirse a eles e darlles a oportunidade de solicitar esta asemblea.
Ademais as delegadas e o delegado de persoal presentaron tamén 805 sinaturas en que as e os asinantes expresaron a súa solidariedade coas persoas despedidas e solicitaban a súa inmediata readmisión. Estas sinaturas son o resultado da campaña realizada polas traballadoras e traballadores nas catro concentracións realizadas na Alameda da Guarda, fundamentalmente.
Este venres día 13 celebrarase o xuízo en que se tratará a demanda da CIG contra a empresa polo despedimento destes traballadores. Coincidindo coa súa celebración, ás 12 da mañá, nos Xulgados de Vigo na rúa Lalín, a CIG da comarca de Vigo convoca unha concentración para expresarlle o seu apoio ás despedidas e ao despedido.
A CIG-Ensino convida a toda a cidadanía do Baixo Miño, radio de acción do centro San Xerome, a participar nesta concentración e solidarizarse con Raquel, Paola, Nuria e Moisés.
Concentración pola readmisión das/os despedidas/os:
Venres 13 de setembro ás 12:00 h.
Xulgados de Vigo, rúa Lalín