1000 mentiras: a Xunta segue a manipular as cifras para ocultar a súa negativa a ampliar o número de docentes para afrontar o novo curso escolar.

En declaración aos medios, Carmen Pomar volve a empregar as cifras xa usadas con anterioridade, nun suma e segue de manipulación informativa e engano.

A titular da Consellaría afirmou o venres 21 de agosto que as contratacións de docentes para afrontar as necesidades derivadas da COVID-19 no curso escolar 2020/21 chegarían ao redor de 1000 novos docentes. A cifra, que de ser certa, ficaría ben lonxe do que algunhas CC.AA. xa anunciaron e moi distante das necesidades reais que a CIG-Ensino ten demandado reiteradamente para poder facilitar aulas con menos alumnado. Mais o peor desa cifra é que é absolutamente falsa.

Para poder falar deses novos contratos, a conselleira tira de mentiras xa publicadas e difundidas polos medios de comunicación. En moitos deles, por desgraza, sen a máis mínima crítica e contraste.

Así saca de novo a paseo os 543 contratos a media xornada (o que equivale a 271,5 docentes) que serán contratados para o programa ARCO, unhas contratacións que se realizan todos os anos e que nesta ocasión terán como única novidade que en vez de atender o alumnado con necesidades de reforzo polas tardes o farán en horario lectivo.

Tamén suma 240 postos do corpo de mestres que son froito unicamente do cumprimento das ratios oficiais (25 alumnos por aula), non de ningunha proposta que busque reducir as ratios segundo os criterios de distancia física que propón a OMS e recolle o propio Ministerio.

Por último, e para “redondear” di que a diferenza ("unha contía aínda por concretar” en palabras da conselleira e que, segundo as súas propias contas sería inferior a 300 docentes) sería para todas as ensinanzas restantes, sen aportar ningunha información ao respecto.

Estamos, por tanto, diante dunha nova sesión de propaganda que busca, como cortina de fume, agochar a vergoña dun goberno atado a un protocolo insensato e que parte da doutrina Feijóo do custo cero, evitando por todos os medios recorrer á contratación de máis profesorado. De aí que teña que tirar do que xa ía contratar de todos os xeitos para, burdamente, procurar camuflar a inacción da administración educativa.

Volver