Hoxe tivo lugar a 17 edición do Correlingua en Compostela.

Arredor de 2000 escolares de centros da comarca correron polo galego en Santiago de Compostela baixo o lema “En galego, sen cancelas” hoxe, luns 8 de maio, pola mañá

A edición 2017 do Correlingua en Santiago de Compostela, carreira pola lingua na que participa alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A Coruña e a de Pontevedra, entre outros, tivo lugar hoxe, luns 8 de maio, en horario de mañá.

O Correlingua contou coa participación de arredor de 2000 rapazas e rapaces de centros de ensino da comarca de Compostela que correron dende a Quintana pola zona vella da cidade para despois volver á praza onde gozaron dunha festa final que conduciu a actriz Isabel Risco.


No acto estiveron presentes o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, que saudaron o alumnado e entregaron os premios de animación na carreira. Os centros premiados foron en primeiro lugar o IES Xelmírez I, no segundo posto o IES Xelmirez II e en terceiro lugar o IES Agra de Raíces, que chegaron dende Cee a Compostela para participar na festa pola nosa lingua.


Como peche de ouro do Correlingua, contouse coa actuación do grupo A Compañía do Ruído, grupo gañador do Cantalingua, concurso do Correlingua no que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado de diferentes centros de ensino.

proba

Volver