Homenaxe a Anxo Louzao
Sábado 30 de setembro ás 14 horas
Após 16 anos como cabeza visíbel e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao vén de deixar esta responsabilidade a finais do pasado curso académico. Os seus compañeiros e compañeiras queren renderlle unha agarimosa homenaxe pola súa inquebrantábel defensa do ensino público e da clase traballadora nunha traxectoria á que agardamos que só poña punto e aparte.

A federación que el coordinou e á que pertence desde a súa fundación organiza un acto en Compostela en recoñecemento á súa loita incansábel por liberar a nación galega, por defender a nosa lingua e por loitar contra o capitalismo neoliberal e as políticas privatizadoras no ensino e no resto de sectores socioeconómicos de Galiza. Unha figura que sempre considerou a defensa dos intereses do profesorado como unha batalla máis dentro da loita da clase traballadora e que, nas súas propias palabras, “non estivo aquí para que lle pasaran a man polo lombo”.

Precisamente ese “teimar polo noso, por Galiza e o seu pobo”, é unha das características que moitas persoas veñen destacando da súa personalidade e da súa traxectoria desde que se soubo da súa decisión de xubilarse.
O sábado, 30 de setembro ás 14 horas, teremos unha oportunidade de amosarlle ese recoñecemento en persoa nun acto aberto ao que podedes asistir inscribíndovos antes do vindeiro mércores 27 na seguinte ligazón.