Guía para elaborar o proxecto lingüístico de centro

Coa publicación desta Guía de Sofía Rama Lorenzo, perseguimos o obxectivo de poñer a disposición do profesorado un recurso que lle permita deseñar un instrumento para a normalización da lingua propia de Galiza desde o seu centro de ensino

O contexto sociolingüístico que vivimos, de coexistencia diglósica, conflitiva e desequilibrada entre castelán e galego pode levar cara a unha progresiva desaparición deste, tal como agoiran os estudos máis recentes sobre o seu uso e competencia entre a poboación máis nova. É por iso que consideramos necesario que as e os falantes galegas se decidan a usar a lingua propia do seu país. De pouco serviría unha planificación institucional impecábel ou unha intensa actividade de asociacións de fomento da lingua, se o elemento básico da sociedade, o individuo, non asumise o seu papel decisivo no proceso normalizador; pois, a lingua vive nos seus falantes e o día en que estes desapareceren quedará reducida a unha reliquia.

Xa que logo, cada unha e cada un de nós temos un papel central no proceso de normalización lingüística como galegas e galegos; mais tamén temos un papel protagonista como docentes por sermos modelos de lingua para o noso alumnado. En consecuencia, desde a CIG-Ensino queremos facer un chamamento á comunidade educativa, a cada docente, para que non sexa indiferente á situación social que vive o galego e, desde unha conciencia lingüística crítica, decida implicarse no proceso normalizador.

Cómpre indicar que a CIG-Ensino apoiou, xunto con outras entidades, no ano 2020 a Proposta de Normalización do galego impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística que pretendía reverter os efectos perversos de dez anos dunha política lingüística perversa nun documento que procuraba sentar as bases para converter o galego na lingua vehicular no ensino. O documento aprobado optaba por unha aplicación diferenciada de modelo lingüístico segundo as distintas etapas educativas e os estudos previos sobre o contexto sociolingúístico do centro. Segundo estes, aplicaría un «Modelo A» no que o galego sería a língua vehicular e de aprendizaxe de todo sistema educativo no máximo que permitise o marco legal e un «Modelo B», transitorio, no que o galego fose lingua vehicular como mínimo do 50% de áreas ou materias do alumnado. Cinco anos máis tarde e coa lexislación na man, somos conscientes, sen rendernos nos nosos obxectivos a longo prazo, de que neste momento é preciso botar man de recursos como os proxectos lingüísticos de centro que a seguir presentamos para estear o noso labor nunha situación sociolingüística como a actual. Desexamos pois que esta ferramenta sirva de apoio e de elemento aglutinador do profesorado que, comprometido coa nosa lingua, queira traballar desde os centros de ensino para reverter a situación de emerxencia lingüística que vivimos.

Volver