“Garantir o futuro investindo no profesorado. Agora!”

5 DE OUTUBRO. DÍA MUNDIAL DO PROFESORADO

Neste ano 2009, a Internacional da Educación, organización sindical internacional que agrupa a 401 organizacións sindicais e a preto de 30 millóns de docentes de todo o mundo, da que a CIG-ENSINO é membro fundador, celebra baixo o lema “Garantir o futuro, investindo no profesorado. Agora!” o Día Mundial do Profesorado.
"Garantir o futuro, investindo no profesorado. Agora!”

Neste ano 2009, a Internacional da Educación, organización sindical internacional que agrupa a 401 organizacións sindicais e a preto de 30 millóns de docentes de todo o mundo, da que a CIG-ENSINO é membro fundador, celebra baixo o lema “Garantir o futuro, investindo no profesorado. Agora!” o Día Mundial do Profesorado.
Esta conmemoración foi instituída pola UNESCO no 1994 como mostra de recoñecemento á contribución vital do profesorado, á educación e ao desenvolvemento das sociedades dos distintos países.
A Internacional da Educación e os sindicatos que formamos parte dela asumimos como nosa esta data e queremos reivindicar o papel imprescindíbel dos e das docentes na nosa sociedade, papel moitas veces infravalorado. Ao mesmo tempo, queremos denunciar a situación de compañeiros e compañeiras docentes que en diversos países do mundo seguen a ser perseguidos, detidos e incluso asasinados por desenvolver o seu labor profesional.
En Galiza, a CIG-ENSINO como organización maioritaria entre o profesorado desgraciadamente ten que denunciar, neste Día Mundial do Profesorado 2009, a actitude da administración educativa galega que está a desenvolver unha política contraria aos intereses do ensino como servizo público universal e, por tanto, totalmente oposta á reivindicación da Internacional da Educación e dos seus sindicatos membros.
Non pode ser que baixo a escusa da crise económica se adopten medidas que degradan o ensino como son a redución de profesorado, a eliminación da gratuidade dos libros de texto para o alumnado, a eliminación das subvencións aos movementos de renovación pedagóxica para actividades formativas, ou a agresión ao idioma galego. Pola contra, esta crise económica semella non existir á hora de gastar en propaganda que só busca agochar o retroceso que supón a política do PP no eido educativo.
Nesta data e diante da actitude da Consellería de Educación, a CIG-ENSINO considera que ten aínda máis valor, si cabe, o traballo dun profesorado que é o piar fundamental do sistema de ensino, tanto polo desempeño do seu traballo no día a día como pola súa capacidade de reivindicar un ensino galego, público e de calidade.

Volver