Galego vivo, Galiza viva. O lema baixo o que decorrerá este ano a gran manifestación pola lingua após 20 anos dun Plan de normalización que seguen sen aplicarse

A plataforma Queremos Galego, da que forma parte a CIG-Ensino, anima a asinar o manifesto e a participar activamente na manifestación do vindeiro 17 de maio.

Esta mañá déronse a coñecer os detalles da manifestación que cada 17 de maio reúne a milleiros de persoas en Compostela en defensa da nosa lingua, cada vez máis minorizada e desvalorizada fundamentalmente polo goberno que ten como obriga normativa defendela e promovela. A marcha sairá, como é costume, desde a Alameda compostelá ás 12 e para facilitar a asistencia haberá servizo de buses desde 8 localidades do resto do país. Tamén se promove a sinatura deste manifesto en defensa do presente e futuro do galego no ensino, no audiovisual, na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial etc.

Xusto o vindeiro mes de setembro faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega, elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, e que non só non se desenvolveu senón que neste tempo se viviron enormes retrocesos. Un dos exemplos é no eido do ensino no que, tras a aprobación do Decreto do Plurilingüismo, os avances que se levaran a cabo mudaron en políticas de acoso e derribo contra o galego nas aulas e no sistema educativo para se converter nun dos elementos máis desgaleguizadores da nosa sociedade. 

Para combater estas políticas regresoras as máis de 500 organizacións que conforman Queremos Galego animan a asinar o manifesto en defensa da nosa lingua e que fai un chamamento aos gobernos para asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, nomeadamente á Xunta de Galiza para que acompañe á sociedade que actúa cada día para ter un "galego vivo e unha Galiza viva". Precisamente este vai ser o lema baixo o que decorra a manifestación convocada para as 12 horas do día 17 de maio con saída da Alameda compostelá a finalización na Praza da Quintana e para a que se poñerán a disposición autobuses desde 8 localidades galegas. Os horarios e percorridos poden consultarse na seguinte ligazón.

A CIG-Ensino, como membro activo da plataforma, anima a profesorado, alumnado e familias a sumarse a esta marcha en defensa dun dos sinais de identidade que nos definen como pobo e como sociedade.

Volver