Fungos, pingueiras, equipos e espazos inutilizados e filtración de materiais tóxicos no centro educativo máis grande Galiza

A CIG-Ensino faise eco das queixas da comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio, conformada por máis de 2000 persoas, que denuncia unha situación insalubre e a incompatible coa actividade lectiva desde o inicio da reparación da cuberta en xuño de 2025

O sindicato vén de dirixirse ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais de Pontevedra e pedirá unha reunión extraordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría para solicitar que se informe ao persoal do centro sobre a seguridade nas obras e se realice unha avaliación de riscos na que, sobre todo, se identifiquen e midan os axentes contaminantes. Ademais urxe a que se adopten medidas preventivas para evitar máis danos nos equipos e no material de talleres e laboratorios e se dean solucións inmediatas ás filtracións de auga nos mesmos.

O centro educativo máis grande de Galiza vive unha situación case dantesca desde finais do curso pasado cando se iniciaron as obras de limpeza, reparación e impermeabilización das cubertas. No que vai de curso foron moitas as veces que o profesorado amosou a súa preocupación pola evolución das obras e os problemas que estaban ocasionando tanto no que ten a ver con material inutilizado pola filtración de auga pero sobre todo pola proliferación de mofos, fungos, pó e polibreal (impermeabilizante das cubertas, teratoxénico e carcinoxénico). Todo isto está a repercurtir negativamente na actividade lectiva en todos os departamentos e familias profesionais.

Despois de intentar en varias ocasións que persoal técnico da Consellaría informara ao claustro sobre o Plan de prevención de riscos das obras sen éxito, un grupo de docentes vén de elaborar un dosier con vídeos e imaxes nas que se poden ver os graves efectos que están a padecer no día a día. Tal e como recolle o informe, “os problemas debido ás filtracións de auga son perceptibles en todo o centro. Así, no comedor de hostalaría, nas aulas, nos laboratorios e nos talleres de todos os departamentos hai pingueiras e filtracións de auga, así como charcos nas entradas das aulas da planta baixa do edificio central. Ademais, están medrando colonias de fungos que se expanden polas paredes dos corredores, aulas, laboratorios e instalacións da zona de Sanitaria, Química, Textil, Industrias alimentarias e planta baixa do edificio central, o que provoca un ambiente moi pouco saudable que consideramos que non é apto para o desenvolvemento das clases en condicións de seguridade”. Nas imaxes poden apreciarse equipos de talleres e laboratorios que ou ben están tapados e inutilizados ou ben están cubertos de auga ou inutilizados por danos ocasionados por esta. O profesorado insiste neste escrito en que “ se depuren responsabilidades e se proceda a unha desinfección minuciosa e adecuada do edificio para deixar de poñer en risco a saúde de toda a comunidade educativa”.

Falta de transparencia e de resposta por parte da Consellaría

A CIG-Ensino, ademais de contactar en varias ocasións ao longo do curso coa dirección do centro para pedir explicacións e que se garanta que non se poña en risco a saúde de persoal e alumnado púxose en contacto co Servizo de Riscos Laborais da Consellaría que se limitou a dicir que teñen reunións semanais coa empresa e que tanto as deficiencias interiores como a avaliación de riscos se realizará unha vez rematen as obras do tellado. Hoxe mesmo foille enviado o escrito coas probas gráficas achegadas polo profesorado xunto cunha solicitude de intervención inmediata ante esta situación. Para o sindicato aexplicación dada amosa unha falta de desidia por parte da administración que ten que protexer a seguridade da comunidade educativa sobre todo durante as obras, tendo en conta que se trata de fungos, mofos e axentes tóxicos con efectos carcinóxenos. O seguinte paso será pedirlle unha reunión extraordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral a vindeira semana ao subdirector xeral de Recursos Humanos aproveitando a convocatoria da Mesa Sectorial sobre o Piale e dado que el é o presidente dun órgano que a Consellaría ten completamente abandonado e que non se reúne as veces que marca a normativa.

Informe do centro

Volver