Fronte ao Plan e ao Pacto polo Galego que non salvan nada, salvémolo nós!

A afronta comezou no ensino e a revitalización tamén. Despois de 16 anos de desfeita do (Des)creto do Plurilingüismo está nas nosas mans, nas de toda a comunidade educativa revivir a nosa lingua, sen vetos dentro e fóra das aulas

A Xunta de Galiza presentou o seu novo Plan Xeral de Normalización da lingua galega o pasado mes de xullo de 2026, despois de atrasar este trámite máis de medio ano. Para tal presentación orquestrou un evento ao que denominou «PLAN DA LINGUA» e nel non se mencionou ningunha medida concreta, nin orzamento que o avalase, nin ningún obxectivo concreto, nin ningunha mellora con respecto ao Plan do 2004. Non deixa de abraiarnos que se malgasten fondos públicos sen ningún pudor para montar un escenario con oitocentas persoas convidadas para nada; só co afán de achegar máis circo para as masas.

Malia que no documento, de cuxa participación excluíu a diversos colectivos sociais, entre eles á CIG-Ensino, se recoñece que non se cumpriron as recomendacións do Comité de Expertos a respecto da aplicación da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, en concreto «a de eliminar as limitacións para o seu uso vehicular nas materias científicas», a derrogación do Decreto 79/2010 non forma parte dos dez obxectivos prioritarios que se marca este Plan, tal e como viña reclamando o sindicato.

Na súa liña de botar balóns fóra e eludir responsabilidades, no documento trátase de culpabilizar ás universidades ou ao propio estudantado da situación da lingua no ámbito do ensino mentres que, como vimos denunciando, se eliminou a obrigatoriedade de presentar a programación didáctica en galego nas oposicións, se decidiu non puntuar nos méritos o C1 de galego ou non se fornecen temarios oficiais en galego para que o persoal opositor dispoña deste material. Ademais paradoxalmente móstrase como unha debilidade actual do sistema educativo «o escaso número de recursos en galego sobre todo na FP, nas materias STEM e na formación dixital», mentres que a Consellaría de Educación eliminou hai dous cursos as licenzas por formación retribuídas, que sempre existiron en Galiza, e que eran unha das poucas vías para a elaboración destes contidos na nosa lingua. Por riba, aínda que menciona especificamente a Formación Profesional como un dos eixos de actuación, a Dirección Xeral de FP vén de lexislar para incluír 120 horas obrigatorias en todos os ciclos formativos en inglés, sendo o único territorio do Estado en facelo, negándose, ademais, a incorporar módulos optativos en galego para que o estudantado que curse ciclos medios e superiores poida obter o Celga 4.

Desde a CIG-Ensino valoramos este Plan como a concreción do incremento de campañas, baleiras de contido e arteiramente empregadas de xeito propagandístico, para unha lingua que precisa urxentemente unha aposta real con medidas políticas que incidan na galeguización do ensino e das actividades extraescolares, no seu uso vehicular en todas as accións da administración, empezando porque todos os cargos da Xunta se expresen correctamente en galego tanto oralmente como por escrito, no incremento de recursos, medios e formación (e non na súa mingua como ocorre progresivamente coa dotación dos ENDLG) e, sobre todo, na derrogación do principal elemento que, tal e como demostran as estatísticas do IGE, é a pedra angular do lingüicidio ao que se está sometendo o galego desde 2010, momento no que se acelerou a perda de falantes e de competencia na lingua propia. Todo isto sería preciso para acadar a paz social que se preconiza no novo Plan Xeral da lingua galega e todo isto é o que se deixa fóra del.

Lonxe destas propostas, que poderían dar pé a unha involución da situación, e transcorrido o período estival porque neste tema nada é urxente para a Xunta, o pasado 24 de setembro asistimos con perplexidade ao anuncio de que os grupos parlamentarios do PP e do PSdeG asinaron un acordo para actualizar o documento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).

En canto ao galego no ensino, segundo este acordo, recóllese unha modificación menor do Decreto, e non a súa derrogación, para levantar o veto a impartir na nosa lingua as materias científicas. Porén, mantense que debe pervivir un equilibrio idiomático do 50% nas materias non lingüísticas e será cada centro, acatando sempre esa porcentaxe, o que decida que materias se dan nunha determinada lingua. Deste xeito, ao desprazar o veto das áreas científicas ás humanísticas, sexa por bloques ou por materias que parece que é o único que entra en discusión para ambos partidos, tapamos unha perna para destapar outra e por riba déixase caer a responsabilidade nos centros educativos. A este despropósito hai que sumar que no texto deste acordo se di que o profesorado de educación infantil «empregará nas aulas a lingua materna predominante entre o alumnado, tendo en conta tamén a lingua da contorna, especialmente en ámbitos urbanos» o que implicará, na práctica, que o castelán será a lingua vehicular predominante en máis do 90% das escolas infantís de Galiza, empeorando mesmo a respecto da situación actual.

Ademais, para máis agravio, este Plan non comezaría a aplicarse até o curso 28/29 tal e como se desprende do Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, máis coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos de Galiza (Disposición Transitoria Primeira) e os centros terán de prazo para actualizar os Proxectos Lingüísticos de Centro á nova normativa entre o 1 de abril e o 30 de maio de 2028. O Partido Popular levará gobernando ininterrompidamente 19 anos para entón e a liquidación do galego será xa unha realidade se non se reacciona canto antes.

Preguntámonos que clase de pacto é este, o que remate definitivamente coa nosa lingua?

Non deixarse vencer; o contrapoder da CIG-Ensino e o compromiso do profesorado

A CIG-Ensino, consciente da situación de emerxencia lingüística que vivimos e sempre sabedora da implicación e do compromiso coa lingua da maior parte do profesorado galego, leva anos tratando de incidir na reversión desta situación.

Como alternativa a esta estratexia planificada, e pactada agora co PSdG, de non poñer as medidas necesarias para sacar o galego da situación de emerxencia ao que o levaron as políticas da Xunta, desde a Plataforma Queremos Galego, da que a CIG-Ensino fai parte, elaborouse o Protocolo Lingua Vital no que participaron arredor de 60 entidades, co apoio doutras 396, e que inclúe 300 medidas en todos os ámbitos sociais, económicos e culturais para darlle a volta a esta situación.

No que se refire ao ámbito concreto do ensino o Protocolo recolle, entre outros aspectos as seguintes metas: garantir que todo o profesorado teña plena competencia para desenvolver o seu labor docente en galego; alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relación escolares; fomentar o uso progresivo do galego desde a primeira etapa de Educación Infantil (0-3 anos) de xeito que se superen as fortísimas carencias que se observan nos primeiros chanzos do ensino; lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma e que repercuta de forma efectiva na súa adopción como lingua habitual por parte das novas xeracións; priorizar o ensino do galego, a expresión, a afectividade e a utilidade, reforzando a súa dimensión comunicativa e instrumental; garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade na nosa lingua...

«O galego é a lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo obrigatorio e non obrigatorio e a de uso normal de acollida do alumnado de recente incorporación. A Xunta da Galiza asegura a docencia en galego en todos os cursos, niveis, materias, módulos
e modalidades educativas sen que poida ser restrinxida no desenvolvemento normativo»

Desde a CIG-Ensino non cesaremos de buscar xeitos de recuperar a lingua de noso. Recentemente vimos de rexistrar no Parlamento galego — xunto con outras entidades— unha Iniciativa Lexislativa Popular con este obxectivo e á que convidamos a ser axente activo da mesma a toda a comunidade educativa. No texto recóllese unha referencia ao ámbito do ensino, que o sindicato subscribe na súa totalidade, e de aí que anime a profesorado, familias e alumnado a implicarse na recollida de sinaturas para que os grupos parlamentarios que pactaron en contra do galego, propoñan a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo e se implementen este mesmo curso as principais medidas necesarias para revivir a nosa lingua antes de que sexa demasiado tarde:

1 O galego é a lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo obrigatorio e non obrigatorio e a de uso normal de acollida do alumnado de recente incorporación. A Xunta da Galiza asegura a docencia en galego en todos os cursos, niveis, materias, módulos e modalidades educativas sen que poida ser restrinxida no desenvolvemento normativo. As materias lingüísticas impartiranse, con carácter xeral, na lingua obxecto de aprendizaxe.

2 Adoptaranse as medidas de reforzo necesarias para recuperar e ampliar o uso do galego entre o alumnado contando coas Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística.

3 A administración educativa garantirá a plena formación do conxunto do profesorado que asegure a súa competencia plena para impartir todas as materias e niveis educativos en galego

4 A administración educativa ofertará os materiais e recursos didácticos necesarios en todos os cursos, niveis e materias, módulos e modalidades para o ensino en galego. Así mesmo, informará a nais e pais e responsábeis legais do proceso de normalización no ensino.

5 Así mesmo, estabelecerá un programa específico para promover o galego na formación profesional en coordinación coas empresas e elaborará planos de normalización nas Universidades galegas para aumentar o ensino e a investigación en galego.

CIG-Informa Fronte ao Plan e ao Pacto polo Galego que non salvan nada, salvémolo nós!

Documento


Volver