Folga nas escolas infantís 0-3 de aplicación o XII convenio colectivo estatal de centros de asistencia e educación infantil
Por un convenio digno e salarios xustos nas escolas infantís 0-3: Polo desbloqueo patronal das negociacións.
Están convocadas arredor de 2000 traballadoras das arredor de 200 escolas tanto privadas como de xestión indirecta que hai en Galiza.
As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP denunciamos unha vez máis o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3, e convocamos 4 xornadas de folga e mobilizacións polas rúas galegas, dúas na segunda quincena do mes de outubro, os días 19 e 25, e outras dúas na 1ª quincena de novembro, os días 8 e 15, en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.
As organizacións sindicais convocantes manifestamos o noso malestar coa marcha das negociacións, que se iniciaron hai máis dun ano, nas que as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector. Tamén denunciamos o incumprimento do compromiso acadado en xullo e a ruptura da unidade sindical para voltar ao entreguismo, por parte de UGT, USO e FSIE que deixan tiradas as traballadores dun dos sectores máis precarizados do noso país, que apenas cobran o Salario Mínimo Interprofesional e que non ven recoñecida a enorme responsabilidade social que ten o seu traballo. A “escusa” dada por estas tres centrais sindicais, que actúan con total entrega á patronal como xa amosaron coa sinatura do que foi o XII convenio actual, é que “non ven unha convocatoria de folga de tantos días e neste momento”.
Nas 10 reunións da mesa negociadora, comprobamos que as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas. Así mesmo, rexeitaron múltiples propostas feitas pola parte social no resto do articulado, no referente a melloras laborais e sociais, ben non respostando ou mesmo propondo involucións en dereitos que non teñen xustificación dada a precariedade actual do convenio no seu conxunto.
A actitude das organizacións patronais pon de manifesto a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido. Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.
Por estes motivos, CCOO ENSINO, CIG-ENSINO E SNEP convocamos catro xornadas de folga, sendo a primeira o prómo XOVES 19 DE OUTUBRO con manifestacións ás 12h en Vigo, dende o MARCO ate a PORTA DO SOL, e a outra, tamén ás 12h, na Coruña, dende a PRAZA DE PONTEVEDRA ate o OBELISCO.
Unha vez máis, denunciamos o inmobilismo e o involucionismo das patronais, que está a causar unha constante perda de poder adquisitivo para as traballadoras e a permanente intención de recortar os seus de dereitos laborais e sociais. Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. Chamamos á responsabilidade das patronais para que reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector.
Tamén facemos un chamamento ás demais OO.SS que rexeitaron a unidade de acción sindical sen xustificación sensata, desoíndo á maioría social que din representar, dándolles as costas e querendo escoitar a unha patronal irresponsable, que fai oídos xordos do clamor social que lles esixe un cambio de rumbo, o cal é o único camiño para pechar este conflito dun xeito digno. Calquera outra solución será vender miserablemente ao persoal traballador.