Publicada no DOG a convocatoria para o Fondo Acción de Social (FAS)

Un ano máis a Xunta mantén os recortes no FAS limitando as axudas unicamente para a atención a persoas con discapacidade

A partir de hoxe e até o día 12 de maio está aberto o prazo para solicitar a única axuda que se recolle no FAS, a de atención a persoas con discapacidade, xa que seguen suprimidas as axudas coas que se contaba inicialmente, como eran as de xubilación, discapacidade propia, crianzas menores, persoas maiores a cargo, estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda ou gastos sanitarios e ópticos. Estas axudas foron eliminadas no ano 2012 coa Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, motivada por unha crise económica xa superada, polo que é inxustificable que sigamos sen elas.

O único cambio nesta convocatoria con respecto a anterior é o nivel das rendas anuais das persoas causantes, que pasa do límite dos 14.000 aos 15.120 euros, pero non muda a cantidade da axuda que segue a ser de 2.160 euros, a mesma que nos últimos cinco anos. Como tamén se mantén o importe total destinado a este fondo, que é de 2 millóns de euros, moi lonxe dos máis de 9 millóns cos que se contaba en 2012.

A CIG reitera as alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

• Incrementar o importe actual como mínimo conforme o Índice de Prezos o Consumo (IPC) dos últimos anos, para esta axuda.

• Recuperar todas as modalidades de axudas do anterior FAS recoñecidas antes dos recortes, e incrementalas progresivamente.

• Recuperar os importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.

• Compatibilizar esta axuda con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

• Que todas as axudas que se concedan sexan proporcionais ao nivel de renda das familias.

• Que se proceda a unha equiparación de todo o persoal público. Existe persoal na propia Administración Autonómica ou noutras que, por pertencer a Muface, teñen dereito a axudas que no FAS non se inclúen. 

• Que esta axuda sexa incluída no recibo de salarios tamén para o persoal funcionario, co mesmo sistema de solicitude e xestión que ten o persoal laboral. De non facerse así supón un agravio comparativo para o persoal funcionario público que cada ano debe solicitar e achegar a documentación xustificativa para percibila con máis dun ano de atraso.

Volver