Familias, docentes e alumnado reclaman en Compostela “un ensino inclusivo real e que ninguén quede atrás”

Nunha manifestación organizada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público numerosas Anpas e colectivos docentes esixíronlle á Consellaría de Educación que sitúe como prioridade das súas políticas a atención á diversidade.

No manifesto que se leu ao final da marcha a presidenta de Anpas Galegas, Isabel Calvete, amosou a fartura das familias galegas porque non se lles escoite “e se prive ao alumnado máis vulnerábel do que é un dereito, formar parte da sociedade en igualdade de condicións empezando pola escola”. Pola súa banda Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino lembrou que todas as demandas laborais que levaron aos docentes a mobilizarse este curso con 5 xornadas de folga, peches, manifestacións e protestas nos centros están dirixidas a mellorar a atención do alumnado e, polo tanto, a calidade do ensino público galego.

A marcha, impulsada por Anpas Galegas, contou coa asistencia de miles de persoas que corearon consignas como “menos ratio, máis profesorado”, “máis inclusión, máis inversión”, “sen recursos, non hai inclusión” ou “onde están que non se se ven? as orientadoras, AL e PT”. Con pancartas nas que se podían ler as necesidades dos centros e as reclamacións das Anpas, e contando coa amenización dos cabezudos do presidente da Xunta e do conselleiro de Educación a manifestación percorreu as rúas da capital galega para rematar na Praza de Praterías coa lectura dun manifestou a cargo da presidenta da maior confederación de Anpas do noso país. Isabel Calvete reprochou “que se estea a falar de que temos o ensino máis inclusivo do estado cando parte do alumnado galego, o máis vulnerable, está desprotexido. Non se respecta o seu dereito a un ensino de calidade, non se respecta o seu dereito a formar parte da súa sociedade en igualdade de condicións, porque esa igualdade constrúese sobre todo desde a escola”. Con respecto a como se senten as familias galegas indicou que “estamos fartas de palabras baleiras, de promesas incumpridas e de ter que remover ceo e terra para conseguir algo que é un dereito, fartas de que non escoiten, de escusas absurdas. E estamos moi fartas de que se fale de inclusión cando non hai tal, cando vemos como se priva ás nosas fillas e fillos dos apoios, reforzos e desdobres necesarios para súa formación”.

Con todo, lembrou que as problemáticas existentes nas aulas, co 17,5% do alumnado sobre o total con necesidades educativas diagnosticadas segundo as estatísticas do Ministerio no curso 23/24, “non afectan só a quen precisa do apoio de especialistas, senón que as súas compañeiras e compañeiros tamén saen prexudicados, e non van interiorizar a inclusión porque non a ven e se non a ven non van promover unha sociedade mellor e aí perdemos todas e todos. Ningún neno e ningunha moza deste país pode quedar atrás porque as políticas educativas que teñen a responsabilidade de garantir os seus dereitos, de protexelas, non están funcionando e non traballan pensando nelas. Esquecemos con demasiada facilidade cal é a cerna de todo o sistema educativo, da comunidade educativa. Non son os cartos, nin os votos, é o alumnado e todo, absolutamente todo, ten que xirar ao seu redor”, rezaba o manifesto. 

Neste sentido Calvete animou a seguir reivindicando estes dereitos dentro da aula, nas extraescolares, no deporte, no ocio e na rúa para acadar unha sociedade igualitaria, xusta, solidaria e implicada na defensa dos dereitos colectivos.

As mobilizacións docentes tamén co punto de mira na atención á diversidade

Pola súa banda, Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, en declaracións aos medios de comunicación sinalou que “familias, profesorado e estudantado compartimos obxectivos comúns. Porque cando o profesorado pide reducir o horario é para ter máis tempo para o importante, que é atender o alumnado tanto no plano académico como no emocional, cando se pide baixar as ratios é para poder ofrecer un ensino máis personalizado, cando se demandan máis especialistas de PT, AL, Orientación e persoal auxiliar coidador para moitas ensinanzas nas que hoxe en día case non existen estes profesionais é para garantir a atención desas necesidades educativas e cando se pide reducir ou eliminar burocracia é para devolverlle a esencia ao traballo docente, que é educar e formar persoas, non cubrir trámites”. 

Na marcha tamén participaron organizacións estudantís e asociacións de familias vinculadas á diversidade funcional.

Volver