Familias, alumnado e profesorado participan nos peches de Lugo e Cangas
Nos últimos peches incrementouse notabelmente a participación das Anpas, o que demostra que esta é unha loita de toda a comunidade educativa.
Mañá remata esta xeira de encerros ás seis da tarde en Ponteareas, no IES Val do Tea, e en Carballo, no CRA Ponte da Pedra e ás 7 en Rianxo, no IES Félix Muriel.
A estas horas teñen continuidade dous novos encerros polo ensino público, en concreto no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e no IES de Rodeira de Cangas, polos que levan pasado máis de un cento de persoas. Esta noite un grupo de docentes volverá quedar a durmir nos dous centros educativos e mañá haberá unha concentración antes do inicio das clases para seguir socializando entre a comunidade educativa a necesidade de unir forzas para acadar a baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo, máis recursos para atender o alumnado con necesidades e a desburocratización da educación, entre outras demandas.
Nos últimos días son moitas as familias e Anpas que se están unindo á loita do profesorado e que comparten obxectivos comúns. En todas as asembleas realizadas durante os peches saíu a necesidade de realizar accións conxuntas para que se garanta a atención de calidade que merece o alumnado, que é o principal motivo que orixinou as protestas e mobilizacións iniciadas este curso pola CIG-Ensino.
Mañá levaranse a cabo os tres últimos peches programados para estas dúas semanas. Serán en dous IES e nun CRA en Ponteareas, Rianxo e Carballo respectivamente. A CIG-Ensino organizadora desta iniciativa fai un balance moi positivo da mesma porque está a permitir achegarlle as demandas do profesorado a toda a comunidade educativa e descentralizar as reivindicacións aos propios centros en preto de 20 localidades de toda Galiza.
Novas relacionadas

