
Exixen a Educación que se cubran as necesidades de profesorado nos centros
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse diante da consellaría para denunciar as consecuencias dos recortes
Anxo Louzao, como integrante da Plataforma, denunciou que a aplicación da LOMCE está sendo “un despropósito” e que se tira para adiante é “grazas ao bo facer do profesorado”. A isto engadiu que a LOMCE é unha lei que “vai contra os máis débiles”. A modo de exemplo sinalou que a Formación Profesional Básica, que vai substituír aos PCPI, só se oferta en 87 concellos e moito alumnado, principalmente do rural, non vai ter a posibilidade de cursala. “En lugar de atender as necesidades”, sinalou, “a Consellaría está atemorizando aos centros utilizando a súa propia web para atacar ao profesorado que pide que se cubran as súas demandas porque seguen a se incrementar as rateos por riba das legais ou seguen faltando especialistas”.
“Tamén estamos aquí porque estamos en contra de que a taxa de reposición se limite ao 50%”, explicou e advertiu de que a falta profesorado “traducirase nunha maior precariedade e menor profesorado nos centros”. Neste sentido lembrou que se suprimiron no sistema educativo galego máis de 3.000 profesores/as nos últimos tres anos; houbo máis de 4.000 xubilacións e só se convocaron 585 prazas nos últimos catro anos para todo o ensino non universitario.
Xunto a isto, denunciou que segundo o censo de profesorado que vén de publicar a Consellaría Educación reduciuse en máis de 2.500 o número de docentes desde o ano 2010.
Pola súa banda Fernando Lacaci, de ANPAS Galegas, expresou a vontade das familias de seguir mobilizándose mentres non se lle dea unha solución á situación na que están moitos centros.
A Plataforma Galega en Denfensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, BNG, Comités, Agir , Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Liga Estudantil Galega, Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, Galiza Nova e a Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público da Comarca Condado Paradanta-Louriña (FANPO)