Éxito rotundo da folga xeral e no ensino en Galiza. Máis do 80% do profesorado galego participou na folga

A CIG-Ensino valora positivamente a masiva participación, unha das máis altas que se deron até agora no ensino

Arredor de 200.000 persoas participan nas históricas manifestacións organizadas pola CIG nas principais cidades e vilas. O paro estendeuse a todos os centros de ensino. Foi xeneralizado en escolas infantís, Galescolas, centros de Educación Infantil, Primaria, FP, Educación especial, Escolas de ensinanzas artísticas, e foi total na Universidade e en Secundaria, afectando, polo tanto, a todos os niveis educativos.

Moitos dos centros pararon na súa totalidade. Se non temos en conta os servizos mínimos abusivos impostos pola Xunta de Galiza, son moitos os centros en que o paro foi do 100%. De feito, desde a CIG-Ensino temos que denunciar a vulneración do dereito á folga para moitas traballadoras e traballadores, como o profesorado das escolas unitarias, os coidadores ou o persoal subalterno. 

O paro estendeuse a todos os centros de ensino. Foi xeneralizado en escolas infantís, Galescolas, centros de Educación Infantil, Primaria, FP, Educación especial, Escolas de ensinanzas artísticas, e foi total na Universidade e en Secundaria, afectando, polo tanto, a todos os niveis educativos.

Máis do 80% das traballadoras e os traballadores do ensino galego apoiaron a folga xeral e en moitos centros o 100%.  Anxo Louzao, Secretario Nacional  da CIG-Ensino, amais de   valorar moi positivamente e agradecer a participación masiva do profesorado na folga, nas manifestacións e nas preto de 2.000 asembleas que a CIG-Ensino realizou para convocar a folga. Manifestou que o  apoio a esta folga supón a exixencia de retirar a reforma laboral e é a mostra máis contundente do rexeitamento do profesorado ás medidas de recorte permanente nos servizos públicos, nomeadamente no ensino, e ao empeoramento das nosas condicións de traballo. Despois desta folga, o goberno central ten que retirar a reforma laboral e o Conselleiro de Educación debe tomar nota e cesar na súa política involutiva e de redución do profesorado e desmantelamento do ensino público.

A CIG-Ensino quere denunciar a Consellaría de Educación que, máis unha vez, volveu a falsear de maneira exaxerada os datos de seguimento da folga no ensino, coa única pretensión de enganar a opinión pública e non asumir o rexeitamento maioritario do profesorado á súa política educativa. 

A CIG-Ensino agradece a alta participación do profesorado que amosa así a súa firmeza e compromiso para loitar contra todas as medidas que pretenden recortar dereitos sociais e laborais. A participación masiva do profesorado na folga xeral é a mostra máis contundente do rexeitamento á política educativa do PP que significou o empeoramento da atención á diversidade, eliminou máis de 176 unidades nos centros públicos, suprimiu máis de 1000 profesores, reduciu os orzamentos destinados ao ensino público en 425 millóns desde o 2009, mentres se incrementaban os concertos co ensino privado, incrementou o horario lectivo do profesorado empeorando a calidade do ensino, eliminou a oferta de emprego co obxecto de destruír emprego público, etc., etc. Mais tamén é a mostra máis evidente de que o profesorado se opón a unha reforma laboral que supón o derrubamento de dereitos laborais fundamentais. Esta reforma cercerna o dereito á negociación colectiva, abarata o despedimento, facilita os ERE mesmo na Administración pública, precariza as condicións laborais e deixa indefensos aos traballadores e traballadoras, impoñendo a lei da selva. 

Despois desta folga masiva contra  a reforma laboral e os recortes dos nosos dereitos, só queda retirala.

Na seguinte ligazón podedes ver fotografías e vídeos da folga.

Éxito rotundo da folga xeral e no ensino en Galiza. Máis do 80% do profesorado galego participou na folga

Volver