Éxito rotundo da folga no ensino en Galiza. Máis do 80% do profesorado galego participa na folga

A CIG Ensino valora positivamente a masiva  participación unha das máis altas no ensino

A maioría dos centros pararon na súa totalidade. Se non temos en conta os servizos mínimos abusivos impostos pola Xunta de Galiza, son moitos os centros en que o paro foi do 100%. De feito, desde a CIG-Ensino temos que denunciar a vulneración do dereito á folga para moitas traballadoras e traballadores, como o profesorado das escolas unitarias, os coidadores ou o persoal de comedor e limpeza de moitos centros que viron impedido o seu dereito a folga..

O paro estendeuse a todos os centros de ensino. Foi xeneralizado en escolas infantís, Galescolas, centros de Educación Infantil, Primaria, FP, Educación especial, Escolas de ensinanzas artísticas, e foi total na Universidade e en Secundaria, afectando, polo tanto, a todos os niveis educativos.  

Á falta dos datos definitivos, máis do 80% das traballadoras e os traballadores do ensino galego apoiaron a folga xeral e en moitos centros o 100%. Anxo Louzao, Secretario Nacional  da CIG-Ensino, amais de   valorar moi positivamente e agradecer a participación masiva do profesorado na folga, manifestou que o  apoio é a mostra máis contundente do rexeitamento do profesorado ás medidas de recorte permanente nos servizos públicos, nomeadamente no ensino. Agardamos que o Conselleiro de Educación tome nota e cese na súa política involutiva e de redución do profesorado e desmantelamento do ensino público.

Anxo Louzao tamén denunciou a pretensión  da  Consellaría Educación de manipular o resultado do seguimento da folga no ensino. Coa intención de reducir este seguimento, a Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra (achegamos escrito) enviou unha circular ás direccións dos centros de ensino, solicitándolles os datos antes das 9:15 horas e antes das 15:30 horas só para os que teñen xornada de tarde.Isto supón que todo o profesorado que non teña aulas a primeira hora non contabilizará para a porcentaxes dos/as asistentes á folga que facilite a Consellaría     

A CIG-Ensino agradece a alta participación do profesorado que amosa así a súa firmeza e compromiso para loitar contra todas as medidas que pretenden recortar dereitos sociais e laborais. A participación masiva do profesorado na folga xeral é a mostra máis contundente do rexeitamento á política educativa do PP que significou o empeoramento da atención á diversidade, eliminou máis de 176 unidades nos centros públicos, suprimiu máis de 1000 profesores, reduciu os orzamentos destinados ao ensino público en 425 millóns desde o 2009, mentres se incrementaban os concertos co ensino privado, incrementou o horario lectivo do profesorado empeorando a calidade do ensino, eliminou a oferta de emprego co obxecto de destruír emprego público, etc., etc. Mais tamén é a mostra máis evidente de que o profesorado se opón a unha reforma laboral que supón o derrubamento de dereitos laborais fundamentais. Esta reforma cercerna o dereito á negociación colectiva, abarata o despedimento, facilita os ERE mesmo na Administración pública, precariza as condicións laborais e deixa indefensos aos traballadores e traballadoras, impoñendo a lei da selva.

​Esta folga  masiva contra  a reforma laboral e os recortes dos nosos dereitos, tamén sinala que existen outras alternativas para facer fronte a esta crise.

Volver