Escrito enviado pola CIG-Ensino e as outras organizacións sindicais ao presidente da Mesa sectorial

Enviado despois de recibir unha nova convocatoria da Mesa coa mesma orde do día que provocou o abandono da mesma por parte das organizacións sindicais

Consulta no interior da nova o contido do escrito remitido polas organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial Docente non Universitaria ao seu presidente con motivo dunha nova convocatoria para o luns 9 de xuño, coa mesma orde do día que provocou o abandono deste órgano por parte da CIG-Ensino e o resto dos sindicatos.

Á/A DO PRESIDENTE DA MESA SECTORIAL DOCENTE NON UNIVERSITARIA

As organización sindicais con representación na Mesa sectorial Docente non Universitaria, CIG-Ensino, CCOO-Ensino, FETE-UGT e ANPE, ante a convocatoria recibida hoxe ás 13:15 minutos para celebrar a Mesa Sectorial o luns día 9 de xuño, ás 17 horas, coa mesma orde do día que provocou o levantamento da Mesa Sectorial das organizacións sindicais, o día 5 de xuño, manifestan:

A reprobación da actitude da Consellaría de Educación que comunicou onte aos medios de comunicación a intención de convocar Mesa Sectorial para o luns, sen trasladarnos a notificación até hoxe a última hora da mañá, coa mesma orde do día e mudando a data e horario acordado para a reunión da Mesa.   

Á vista dos feitos, nada indica que a Consellaría estea en disposición de aceptar as razóns que nos levaron a levantarnos da mesa na primeira convocatoria. En todo caso, as organizacións sindicais reafirmámonos na decisión tomada no sentido de que se paralice o trámite dos decretos do currículo de FP Básica e primaria, de tal modo que os proxectos de decreto para ditaminar polo Consello Escolar de Galicia sexan os que resulten da negociación realizada na Mesa Sectorial, tal e como é preceptivo. Ao mesmo tempo, solicitamos que se convoque a Mesa cun horario que facilite que se traten os temas da maneira adecuada.

En consecuencia, demandamos da Consellaría que reconsidere a súa posición e que nos traslade se está disposta a aceptar a proposta sindical. Do contrario, verémonos obrigados a non participar na reunión da Mesa para non avalar prácticas irregulares e a desconsideración absoluta ao profesorado e ás organizacións sindicais que son os seus lexítimos representantes.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2014




CIG-Ensino          CCOO-Ensino         FETE-UGT          ANPE

Volver