Escrito ao Conselleiro sobre os comedores escolares e o seu persoal non docente
A Consellaría sobrecarga o profesorado de labores burocráticos e de cometidos non docentes e impropios da súa función
A CIG-Ensino ten constatado como nos últimos anos se están a incrementar os labores non docentes que día a día ten que asumir o profesorado. A Administración, en lugar de procurar o bo funcionamento dos centros, sobrecarga o profesorado de labores burocráticos e de cometidos non docentes e impropios da súa función.
Neste momento, na provincia de Pontevedra, en varios centros con comedores de xestión directa, as direccións quéixanse de que a Xefatura Territorial pretende incrementar as funcións que como responsábeis dos comedores veñen realizando, para non atender unha petición dos traballadores e traballadoras non docentes do servizo. Concretamente, a demanda dos oficiais de 2º que reclaman o recoñecemento como oficiais de 1º de acordo coas funcións que veñen realizando.
Ante a existencia dunha sentenza firme estimatoria en que o Xulgado do Social Nº 3 de Vigo ditamina que determinadas funcións que viñan realizando os oficiais de 2º son propias dun oficial de 1º, a Consellaría enviou aos centros con comedor de xestión directa un escrito en que lles lembra cales son as funcións que recolle o Decreto, mais entre elas non se atopa expresamente a de recepción das mercadorías ou realización dos pedidos diarios, dúas das tarefas obxecto de litixio e que a Consellaría pretende que realice o profesorado responsábel.
Desde a CIG-Ensino entendemos que esta situación é produto da negativa da Consellaría a atender a demanda formulada no seu día no trámite de negociación do Decreto de Comedores. Nese momento, a CIG-Ensino reclamou que se recollese no decreto:
- Persoal específico, coa cualificación necesaria e con relación laboral coa Consellaría de Educación, para atender o comedor.
- A xestión e funcionamento de todos os comedores escolares, que dependerán directamente da Consellaría, por medio de persoal específico e cualificado, dependente da mesma.
Se estas demandas realizadas no seu día pola CIG-Ensino se tivesen atendido, redundarían na mellora do servizo e evitarían a situación actual, ademais de non imporlle ao profesorado tarefas que non lle son propias.
Por iso, reafirmámonos, unha vez máis, en que é preciso que se doten os comedores do persoal específico e cualificado necesario e, por tanto, que se atendan as demandas do persoal non docente, recoñecéndolle a categoría de oficial de 1ª. Ao mesmo tempo, tamén reclamamos que non se fagan recaer sobre o profesorado os pormenores do funcionamento do servizo.