Escrito ao Conselleiro sobre o mal funcionamento do Correo electrónico
Tamén se fai referencia ao programa XADE
Sr. conselleiro de Educación:
Como vostede saberá, durante o último mes, o acceso ao correo electrónico corporativo da Consellaría de Educación está sendo case imposíbel. Se por momentos e con moita demora é posíbel entrar, a maioría do tempo o acceso é practicamente inviábel.
Esta deficiencia dificulta o traballo diario nos centros educativos e supón un importante prexuízo para o profesorado substituto, xa que o centro non é quen de enviar a súa alta ás listaxes de substitucións ou o persoal que as xestiona non ten posibilidade de ler este correo, o que comporta que se dean nomeamentos erróneos.
A esta problemática hai que lle sumar o mal funcionamento do programa XADE, ao cal tampouco se pode acceder con normalidade, agravándose a situación nos períodos de matrícula ou avaliación; momentos nos que xa temos denunciado esta circunstancia.
En consecuencia, a CIG-Ensino solicítalle as medidas oportunas para solucionar este mal funcionamento do correo electrónico corporativo e do programa XADE, a fin de non complicar aínda máis o normal funcionamento dos centros escolares e o traballo burocrático que o profesorado está obrigado a facer.