Enésimas instrucións da Consellaría de Educación

Segue deixando nas mans das direccións acudir ou non aos centros educativos

A Consellaría de Educación acaba de facer públicas, na sobremesa de hoxe domingo, as enésimas instrucións para os equipos directivos de todos os centros educativos galegos.

Nestas instrucións a Consellaría mantense no emperre de non solucionar o problema que ela mesma creou, pero dá a posibilidade ás direccións dos centros de non ir, tal e como nós, a CIG Ensino, levamos días recomendando aos equipos directivos.

“Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá, a partir do luns 23 de marzo, unha persoa do equipo directivo do centro o tempo que considere preciso para atender o alumnado e as familias, así como para a verificación do funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo”.

De novo, unha rectificación incompleta.

O que se agardaba da Xunta nestes momentos, por parte dos equipos directivos, é unha instrución na que claramente se indicase que deben permanecer nas súas casas e, como todo o profesorado, a disposición da administracións educativa. Iso foi o que desde a CIG-Ensino lle demandamos no recurso contra as anteriores instrucións.

Xa que a Consellaría de Educación non o fai, e seguindo o mesmo criterio que está levando á CIG a solicitar a paralización de todas as actividades que non sexan imprescindíbeis, instamos a todas as persoas que forman parte das direccións a ficar nas súas casas como medida de seguridade. 

A nova rectificación da Consellaría supón un paso máis no camiño de preservar a saúde de todos os traballadores e traballadoras nos centros, mais adoece da covardía de non expresar claramente a necesidade de que todas e todos quedemos nas nosas casas. Por iso, desde a CIG-Ensino animamos a todos os integrantes das direccións a que non acudan aos centros, coa consideración de que a permanencia nos colexios e institutos non é precisa.

Seguimos instando á Consellaría de Educación a que indique aos equipos directivos a necesidade de permanecer nas súas casas, tal e como marca o máis mínimo sentido común neste momento.

  • Que familias ou alumnado van ir aos centros neste momento? 
  • Que infraestruturas tecnolóxicas precisan dos equipos directivos nos centros?

Podedes ver na seguinte ligazón a RESOLUCIÓN que da pé a estas novas instrucións.

Volver