
En Vigo o Correlingua reuniu 1.700 rapaces e rapazas
O Parque de Castrelos foi un ano máis a meta da marcha polo galego na cidade olívica.
Desde as 11 da mañá, arredor de 1.700 alumnos e alumnas dos centros da comarca percorreron a praza do Rei e diferentes rúas de Vigo (Hispanidade, Camelias, Praza América...) para rematar ás 12 en Castrelos a XIX edición do Correlingua.

A marcha estivo animada en todo o seu percorrido polos consignas e cánticos dos diferentes centros educativos.
Ao chegar a Castrelos, e despois de entregar froita para todo alumnado e profesorado, tivo lugar a entrega dos agasallos dos concursos de animación e faixas.
En Primaria o premio do concurso de animación foi para o Ceip Josefa Alonso e Alonso e o de faixas levouno o Ceip Ría de Vigo. En Secundaria a animación foi para o IES Alexandre Bóveda e o de faixas para o IES Terra de Turonio.
Despois da lectura do Manifesto tivo lugar a actuación de Cuarta Xusta como colofón á festa final do Correlingua en Vigo.