Educación oculta información dos recortes de profesorado de Secundaria ás organizacións sindicais

A CIG-Ensino denuncia o escurantismo do goberno do PP para levar a cabo elevados recortes de profesorado do ensino público

Unha vez máis a Consellaría de Educación fai gala do que vén sendo un comportamento habitual ao longo desta lexislatura, desprezando os órganos de representación das traballadoras e traballadores, mentido descaradamente sobre as consecuencias das súas políticas de acoso ao ensino público e ocultando información para mitigar, no posíbel, a contestación social á perda de postos de traballo, á masificación nas aulas e ao deterioro da calidade educativa.

Se a semana pasada a Consellaría anunciaba mediante un Fax que eliminaba a paga de xullo do persoal substituto, onte as catro xefaturas territoriais comunicaron a súa negativa a proporcionar información ás Xuntas de Persoal Docente das catro provincias, xusto 48 horas antes dunha reunión convocada para tratar os efectos no persoal docente de secundaria da imposición do goberno central, obedientemente cumprida pola Xunta de Galiza, de ampliar a 20 horas lectivas o horario mínimo de docencia.

 

A CIG-Ensino xa denunciou nas últimas semanas que a Consellaría, a través da Inspección educativa estaba comunicando aos centros docentes a redución de postos de traballo pola ampliación de horario lectivo. A CIG-Ensino xa esixiu na Mesa Sectorial a negociación das posíbeis supresións de postos de traballo e a oferta de vacantes para cubrir provisionalmente no curso 2012/13. A Consellaría trasladou esa negociación ás Xuntas de Persoal de cada provincia. As constantes críticas que desde a CIG-Ensino e dos propios centros así como do persoal afectado pola perda de postos de traballo leva agora ao Conselleiro a dar marcha atrás nas negociacións e adialas até setembro, procurando agochar calquera información sobre os recortes de persoal, algo que non ten precedentes.

 

A escusa ofrecida pola Consellaría é un auténtico absurdo e un insulto á intelixencia. Nun correo enviado ás organizacións sindicais con representación na Xunta de Persoal da Coruña dise expresamente o seguinte:

“Tendo en conta que os cupos de secundaria non son definitivos ata o mes de setembro, as catro provincias tomamos a decisión de non facilitar estes datos porque, a día de hoxe, non son correctos.”

 

Pois ben, a propia Consellaría que se nega a proporcionar información coa escusa de que os datos “non son correctos” vai facer unha adxudicación provisional o 31 de xullo. Como se pode facer unha adxudicación se se parte da incorrección dos datos? Como é obvio, estamos diante dunha mentira máis, xa que neste momento a Consellaría está xa a traballar cos datos que lle proporciona a Inspección e que todo fai sospeitar que vai supor unha redución drástica do persoal docente.

A CIG-Ensino denuncia esta actitude antidemocrática e escurantista da Consellaría de Educación e esixe ao goberno do Partido Popular que convoque con carácter inmediato os órganos de representación do persoal docente e negocie as prazas a ofertar para o curso que vén así como a supresión de postos de traballo.

Volver