Educación discrimina o alumnado da maioría dos centros educativos do país na acreditación dos niveis de Inglés

A Consellaría de Educación limita a gratuidade para a certificación até o nivel C1 ao alumnado dos centros plurilingües e incide na privatización das certificacións de idiomas.

A Consellaría de Educación mantén un ano máis a discriminación entre o alumnado da ESO, Bacharelato e FP na certificación do coñecemento do Inglés  ao destinar 229.500€ ao sufragar os gastos derivados da acreditación dos niveis B1, B2, engadindo este ano o nivel C1, para o alumnado que cursa os seus estudos en centros plurilingües. Esta decisión beneficia a un máximo de 2.700 alumnos e alumnas destes niveis educativos, segundo cifras da propia Consellaría.

Para a CIG-Ensino esta medida supón unha discriminación flagrante e atenta contra a igualdade de oportunidades do alumnado do sistema educativo galego. Con esta decisión, a Xunta esquece de novo a inmensa maioría do alumnado dos centros de ESO, Bacharelato e Formación Profesional e incide en tomar decisións que apostan pola segregación e xerarquización dos centros educativos, ao lle negar ás familias e alumnado dos centros que non son plurilingües a gratuidade para acadar estas certificacións no coñecemento do Inglés. 

Antes os concertados plurilingües que a totalidade dos centros públicos. 

O deseño da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras da Xunta tamén implica o desvío de fondos públicos para atender a centros concertados plurilingües, cuxo alumnado sae igualmente beneficiado desta gratuidade, sen garantir que todo o alumnado dos centros públicos galegos poidan ter ese dereito. Por tanto, a medida incide na potenciación descarada do ensino privado concertado e o apoio á creación de centros de elite en detrimento da inversión educativa xeneralizada que necesitan todos os centros públicos e os beneficios aos que debe ter dereito o seu alumnado e as familias. 

Privatización de servizos a través de empresa certificadoras 

A Convocatoria destas axudas supón novamente a privatización da acreditación de probas de certificación de niveis de inglés cando existe unha rede pública de Escolas Oficias de Idiomas que podería, coa dotación do persoal necesario, facerse cargo destas probas. O ano pasado foi a entidade Trinity College London quen se encargou destas probas por un importe de perto de 180.000€.

Volver