Educación continúa obstinada en recortar profesorado no CPI Camiño de Santiago do Pino

A CIG-Ensino manifesta o seu total apoio ao profesorado e aos pais e nais que se están negando a enviar os seus fillos e fillas ao centro mentres non se dote cun ou cunha docente máis

A CIG-Ensino denuncia a pretensión da Consellaría de suprimir unha das dúas unidades de 5º curso de Primaria que estaba funcionando até este curso no CPI Camiño de Santiago do Pino e agrupar, por tanto, todo o alumnado nunha aula, superando, así, a ratio máxima estabelecida legalmente, malia que hai seis alumnos ou alumnas que precisan apoio e reforzo educativo.

A CIG-Ensino considera que esta é unha mostra de desconsideración da Consellaría co centro que se torna máis grave se temos en conta que tamén hai outra unidade en primeiro de Primaria que supera a ratio máxima estabelecida. 

“Non se pode permitir que a propia Consellaría incumpra a súa propia normativa, que en primaria fixa como ratio máxima 25 alumnas/os por aula, que continúe degradando o ensino público e imposibilitando o mínimo de calidade”, sinala a CIG-Esino, que entende que esta é unha proba máis de que os recortes e o desmantelamento do ensino público non ten límites para esta Consellaría. “Ten o atrevemento e a desvergoña de culpar o profesorado das deficiencias e carencias do ensino, mentres non atende a demanda de profesorado dos centros e ela mesma se deslexitima, menosprezando o profesorado e incumprindo as súas propias normas”.

A CIG-Ensino exíxelle pois á Consellaría que se dote inmediatamente cun ou cunha docente máis o CPI Camiño de Santiago, para poder continuar coas dúas aulas de 5º de Primaria, como o curso pasado, e así facilitar unha educación cunha mínima garantía de calidade.

Denuncia ademais a actitude do xefe territorial, que considera “impropia dun cargo político, que non dubida en agacharse detrás da mentira para non efectivizar a dotación de profesorado no centro”.

Fronte a isto, a CIG-Ensino manifesta o seu total apoio ao profesorado e aos pais e nais que se están negando a enviar os seus fillos e fillas ao centro mentres non se dote cun ou cunha docente máis. 

Volver