Educación accede á demanda da CIG-Ensino de manter as licenzas de tres días para enfermidades leves e revisar a proposta realizada sobre as vacacións na orde de permisos e licenzas

Delegados e delagadas da CIG-Ensino realizaron unha concentración ante a Mesa Sectorial para demandar a modificación do borrador da orde

Na Mesa Sectorial realizada hoxe, a Consellaría accedeu á reclamación da CIG-Ensino de que se mantivese o dereito do profesorado a ter unha licenza dun máximo de tres días para enfermidades leves con xustificación e a modificar a referencia ás vacacións. En palabras do Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao: “o mantemento do dereito a manter o permiso por ausencias por indisposición ou enfermidade leve superior a tres días cando se achegue a pertinente xustificación documental, é fundamental. No interior da nova podes consulta a nova redacción proposta pola Consellaría.

O recorte deste permiso suporía condenar o profesorado a solicitar a baixa laboral coa conseguinte e importante diminución de salario por enfermar”. Finalmente a Consellaría accedeu a manter este permiso que, ademais, repercute beneficiosamente na organización dos centros pois esta posibilidade reduce o número de baixas laborais.

Finalmente a Administración accedeu a ter en consideración estas dúas demandas básicas e iniciou a negociación do borrador da orde que continuará o vindeiro 19 de xaneiro.

Mentres se iniciaba a Mesa Sectorial delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse ante a Mesa Sectorial en apoio das anteditas demandas.

NESTA LIGAZÓN PODES CONSULTAR A NOVA REDACCIÓN DO PERMISO PARA ENFERMIDADE LEVE XUSTIFICADA DOCUMENTAL  QUE NOS REMITIU A CONSELLARÍA O XOVES 14

Oferta de Emprego:

Enlace ás prazas

O Secretario Nacional da CIG-Ensino criticou a actitude da Consellaría: “converten a mesa en que debe ser negociada a oferta de emprego nun acto propagandístico, impedindo unha negociación real da oferta, e impoñendo a súa proposta sen explicala e sen escoitar as demandas do profesorado e as necesidades do ensino.”

Para a CIG-Ensino a oferta presentada é completamente insuficiente pois nos últimos cinco anos soamente se ofertaron 993 prazas, mentres se xubilaron máis de 4.000 docentes, polo que se suprimiron máis de 3.000 prazas de profesores/as e se empeoraron exponencialmente as condicións de traballo do profesorado, co incremento da impartición de materias afíns e das itinerancias. Neste sentido a CIG-Ensino reclamou que se eliminen as taxas de reposición e que se atendan as necesidades dos centros.

A CIG-Ensino considera que non se convocan todas as especialidades que se deberían de convocar e reclamou que se convocasen prazas, entre outras, das especialidades de galego e de portugués e da familia de téxtil, confección e pel.

Concurso de traslados:

Nesta Mesa tratouse tamén a convocatoria do Concurso Xeral de traslados. A CIG-Ensino reclamou que se convoquen tamén os concursos específicos de Orientación e Educación Permanente de Adultos.

A CIG-Ensino esixiu que se convoquen todas as vacantes existentes e todas as demandadas polos centros, de acordo cos seus cadros de persoal e necesidades. Neste sentido a CIG-Ensino fixo fincapé en que deben ser negociadas en tempo e forma todas s vacantes que serán ofertadas e que, de non cumprirse este requisito, presentaremos recurso por incumprimento da obriga de negociación. O Secretario Nacional da CIG-Ensino indicou que: “Cómpre considerar que neste concurso poden participar uns 10.000 profesores e profesoras, especialmente pendentes da convocatoria despois de que o ano pasado o profesorado non puidese participar no concurso por mor da actuación errática da Consellaría.”

A CIG-Ensino tamén reclamou que non se convoquen prazas plurilingües, “a impartición de materias en lingua estranxeira debe ser realizada de acordo cos efectivos existentes nos centros, sen introducir no concurso unha medida que é distorsionadora” sinalou Anxo Louzao. 

A CIG-Ensino tamén reclamou que se esixa o coñecemento no noso idioma para todas as prazas, pois non só as materias nomeadas no Decreto son susceptíbeis de ser impartidas en galego, ademais de que o galego é a lingua oficial da Administración e de comunicación dos centros. Por outro lado, nun concurso inzado de meritrocracia, a CIG-Ensino considera que se debería valorar o labor do profesorado que imparte as súas aulas en galego, pola súa contribución á normalización do noso idioma.

Toda a información da mesa sectorial a tedes na seguinte ligazón

Volver