Docentes xuntas pola paz e democracia

5 de outubro, Día Mundial do Profesorado

Lonxe das celebracións rituais que propoñen as institucións educativas que padecemos, caracterizadas polo desprezo cara a figura do profesorado -a quen recorta condicións, dereitos e medios-, desde a CIG-Ensino queremos, xunto con organizacións sindicais irmáns da lusofonía (territorios onde ten presenza o tronco lingüístico galego-portugués), fuxir de abstraccións e “lugares comúns” que nos pretenden anestesiar no acriticismo, inmobilismo e pensamento único e conmemorar o Día Mundial do Profesorado este 5 de outubro baixo o lema “Paz e Democracia”.

Urxe, nun momento crítico e bochornoso para a humanidade, no que a sociedade occidental parecía resignada a ver pasar diante dos seus ollos un xenocidio televisado e ao fascismo quitar a máscara nos Parlamentos de toda Europa e nalgúns gobernos mundiais, afondar no compromiso activo do profesorado a prol dos principios e dereitos irrenunciábeis do pacifismo e dos dereitos democráticos.

Mal se pode educar nas escolas galegas sen lle contar ao noso alumnado o que está pasando en Gaza. É a única resposta aceptábel á demanda de tantos e tantas ensinantes e de milleiros de nenos e nenas palestinianas que antes de faleceren entre os cascallos das escolas bombardeadas polo goberno sionista de Israel pediron ao mundo que nunca se deixe de falar deles. Ninguén pode parar só o xenocidio, pero tampouco se vai deter a máquina de matar se nos poñemos de canto. Facemos falta todos e todas para poñerlle freo canto antes a esta barbarie e que os seus responsábeis sexan xulgados polos seus crimes. Nesa loita sabe estar o profesorado galego, malia o intento de censura do goberno galego de Rueda e unhas autoridades educativas que baixo os adobíos da presunta neutralidade, ameazas veladas e chantaxes queren facernos calar. Neste contexto van ter lugar nestes días a Manifestación nacional “Galiza con Palestina” (domingo 5 de outubro) e unha xornada de loita convocada pola CIG en todos os centros de traballo do país para o día 15 consistente nun paro de 4 horas baixo o lema: Tamén no traballo paremos o xenocidio!

Falar de paz, no noso contexto, lévanos a falar de democracia. Os mesmos que defenden a barbarie sionista alentan mensaxes xenófobas, racistas e totalitarias. Permiten, apoiándose en forzas de extrema dereita para chegar ás institucións, o cuestionamento, con importantes apoios mediáticos e oligárquicos, de avances sociais e dereitos que nos levou moito tempo e esforzo conquistar. Cómpre clarificar debidamente o significado e as implicacións de mensaxes totalitarias que pretenden inocular entre o noso alumnado. Luz e información fronte á mentira, pluralidade e diálogo fronte o pensamento único. En resumo: democracia contra o fascismo.

Desde a CIG-Ensino dicimos sempre que o ensino é un dereito democrático. Non hai polo tanto verdadeira democracia se non se atende a diversidade, se a educación de calidade non é un servizo prioritario, se recortan os dereitos do profesorado, se as escolas son os espazos públicos peor conservados, se desmantelan escolas no rural, se non hai oferta educativa suficiente ou se non se fomenta o idioma propio do noso pobo. Este é o ensino en democracia que fomenta a Consellaría de Educación? Na confrontación e loita contra ese modelo estamos, desde a CIG-Ensino, man con man con milleiros de profesores e profesoras de toda Galiza, como se acaba de ver nas mobilizacións protagonizadas este mes de setembro e este ano conmemoramos o Día Mundial do persoal docente baixo o paraugas da Internacional da Educación pero xunguidos coas entidades que facemos parte da CPLP-SE (Confederação Sindical de Educação dos Países de Língua Portuguesa).

Volver