Docentes pola igualdade de xénero e na defensa do ensino público

5 de outubro. Día mundial do profesorado

Neste ano 2011, a CIG-ENSINO engade ao lema internacional do Día Mundial do Profesorado que é “Docentes pola igualdade de xénero” o segundo lema “e na defensa do ensino público”

Neste ano 2011, a Internacional da Educación, organización internacional que agrupa 401 organizacións sindicais e máis de 30 millóns de docentes de todo o mundo, da que a CIG-ENSINO é membro fundador, celebra unha vez máis o Día Mundial do Profesorado.

Esta conmemoración foi instituída pola UNESCO no 1994, escollendo como data para o Día Mundial do Profesorado o 5 de outubro por corresponder ao día en que no ano 1966 se fixo pública a Declaración conxunta UNESCO/OIT sobre a Situación do Persoal Docente, sendo esta conmemoración unha mostra de recoñecemento internacional á contribución vital do profesorado á educación e ao desenvolvemento das sociedades dos distintos países.

A Internacional da Educación e os sindicatos que dela formamos parte asumimos como nosa esta data e queremos reivindicar o papel imprescindíbel dos e das docentes na nosa sociedade, papel moitas veces infravalorado. Ao mesmo tempo queremos denunciar a situación de compañeiros e compañeiras docentes que en diversos países do mundo seguen a ser perseguidos, detidos e incluso asasinados por desenvolver o seu labor profesional.

Neste ano 2011, a CIG-ENSINO engade ao lema internacional do Día Mundial do Profesorado que é “Docentes pola igualdade de xénero” o segundo lema “e na defensa do ensino público” fundamentalmente por dúas razóns:

  • A primeira é o feito de que só un ensino público de calidade e axeitado á realidade de cada pobo pode contribuír a paliar a desigualdade de xénero, unha desigualdade que segue a ser manifesta e que en épocas de crise como a actual se acentúa, ao apareceren posicionamentos reaccionarios que buscan que as mulleres abandonen o mundo laboral e pasen a ser as que cubran, cun traballo non recoñecido, as deficiencias producidas polos recortes nos servizos sociais.

  • A segunda porque hoxe o actual goberno da Xunta de Galiza está a acometer unha programada operación de desprestixio social e recortes no ensino e en todos os servizos públicos e sociais baixo a escusa da crise.

En Galiza a CIG-ENSINO como organización maioritaria entre o profesorado, chama aos compañeiros e compañeiras neste Día Mundial do Profesorado 2011 a seguir traballando día a día polo ensino público e en galego e polos dereitos laborais do noso colectivo e de toda a clase traballadora; un traballo que se debe combinar co calendario de mobilizacións acordado para as vindeiras semanas en esixencia do remate dos recortes no sistema educativo e que agardamos conte co apoio da maioría do profesorado seguindo a liña dos dous días de folga do pasado mes de setembro e das catro masivas manifestacións celebradas en Compostela.

Ao mesmo tempo, convidamos aos compañeiros e compañeiras dos centros a que nas reunións e conversas que nestes días están a ter con pais e nais, para informalos da problemática que estamos a pasar e animalos a participar nunhas accións reivindicativas que son polo ben do ensino dos seus fillos e fillas, introduzan a importancia que ten o sistema público de ensino para paliar a discriminación de xénero.

Volver