Desta vai!! Un mes de maio e xuño cheo de mobilizacións nos tres sectores de atención ás persoas
A CIG-Ensino reafirma no primeiro aniversario desta loita o seu compromiso coas mobilizacións na rúa e dos tres sectores de atención ás persoas: discapacidade, menores e infantil 0-3 e chama en autoconvocatoria á unidade de acción e organización na Galiza
A CIG-Ensino congratúlase de que máis organizacións e colectivos se sumen agora á loita na rúa, que o sindicato leva máis de dous anos liderando na Galiza co conflito no sector de Infantil 0-3 e un ano impulsando unha plataforma unitaria que abrangue tamén aos sectores de Discapacidade e Menores — coa unidade posterior da CUT e o SNEP — chamada “Politica Social en Loita”. Desde a CIG-Ensino parabenizamos a quen, por fin, decide mobilizarse agora, pero facemos un chamamento á coherencia, unidade e á autoorganización galega, con decisións consensuadas e axustadas as necesidades e prioridades do persoal traballador galego.
Para a CIG-Ensino é fundamental que as decisións se tomen no noso país. As competencias son da Xunta de Galiza e é á Consellería de Política Social a quen debemos esixir responsabilidades pola precariedade que sofren estes tres sectores de atención ás persoas, na formación e nos coidados. Non podemos depender de estratexias deseñadas en Madrid que non sempre entenden a realidade das nosas traballadoras, nin van dar solucións na Galiza ás reivindicacións comúns nin propias de cada sector.
Nese sentido, a CIG-Ensino apoia as mobilizacións anunciadas para o 7 de maio e volta facer unha chamada a unidade de acción real e suma de forzas para levar adiante todo o calendario de loita que a CIG, xunto con SNEP e a CUT, xa teñen en marcha para os tres sectores, entendendo que a precariedade é transversal:
- 13 de maio: Concentración na Coruña (Espazo Amizar de Política Social).
- 1, 2 e 3 de xuño: Camiño de Santiago reivindicativo. O 1 e 2 caravana de coches.
- 3 de xuño: Xornada de folga parcial de 9h. a 14h., con manifestación dende o Monte do Gozo á Xunta de Galiza en San Caetano.
O futuro unha Plataforma Galega Unitaria e dos tres sectores
A proposta da CIG-Ensino é a autoconvocatoria á reformulación da Plataforma Galega de Discapacidade, Menores e Infantil 0-3 que integre a todas as organizacións sociais, plataformas e sindicatos dispostos a loitar. Un espazo de negociación e consenso onde se decidan as mobilizacións a levar a cabo, ate acadar o cadro reivindicativo que todas compartimos: melloras laborais, sociais, salariais e, sobre todo, a dignificación tanto da parte educativa-formativa como de atención-coidados de cada un dos tres sectores.
É o momento de pasar das palabras aos feitos e ao compromiso, pero facéndoo con autonomía e unidade en e dende Galiza. A loita é o único camiño!!
Novas relacionadas

