Desestimados os recursos contra as oposicións do 2004
Oposicións 2004
Os recursos contencioso-administrativos presentados no seu día contra das oposicións do ano 2004 chegaron á súa fin, garantindo a tranquilidade de todos os funcionarios de carreira que accederon aos distintos corpos docentes.
Desestimados os recursos contra as oposicións do 2004
Os recursos contencioso-administrativos presentados no seu día contra das oposicións do ano 2004 chegaron á súa fin, garantindo a tranquilidade de todos os funcionarios de carreira que accederon aos distintos corpos docentes.
Inadmitido o recurso contra a convocatoria das oposicións de secundaria do 2004
O día 24 de setembro de 2008 a sección 1ª da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditou sentenza declarando a inadmisibilidade do recurso contra a Orde do 16 de marzo de 2004 pola que se convocaban as oposicións de secundaria daquel ano (recurso 334/2004).
A intención dos demandantes co recurso desestimado era a declaración da nulidade da Orde de convocatoria, considerando como nulo todo o procedemento e, polo tanto, a superación do proceso selectivo dos actuais funcionarios de carreira.
Esta senteza para os corpos de secundaria supón o punto final dos recursos contra a convocatoria das oposicións de 2004, xa que con anterioridade (setembro de 2005) os mesmos recorrentes xa desistiran no seu recurso contra as oposicións do corpo de mestres.
Desestimento no recurso contra as probas de galego nas oposicións do 2004
O pasado 17 de setembro os recorrentes contra o desenvolvemento e calificación das probas de galego nas oposicións dos distintos corpos de secundaria (recurso 32/2005) presentaron un escrito de desestimento perante a sala do TSXG que leva o caso. O tribunal, con data de 22 de setembro, incoou o citado escrito e deulle traslado ao expediente.
En breve, o TSXG comunicará formalmente ás partes o desestimento para posíbeis alegacións.Posteriormente, o tribunal ditará auto dando por rematado o proceso e, polo tanto, confirmando a validez do concurso-oposición do ano 2004 para os corpos de secundaria.
Esta inadmisión non supón unha grande novidade xurídica, xa que con anterioridade do TSXG ditara sentenza desestimando o recurso contra as probas de galego da convocatoria do 2005, dando por bo o sistema empregado pola Consellaría de Educación para a realización e calificación das probas de galego.
Chegados aquí, pecháronse todas as vías abertas contra as oposicións do 2004, confirmándose o que xa desde a CIG-Ensino viñemos anunciando a respecto da legalidade do proceso.