Desconvocada a folga en Pangea

Desconvocada a folga tras alcanzar un preacordo para a readmisión da traballadora e a regularización laboral

Na segunda reunión mantida hoxe entre a representación de Pangea Escuela Viva e a representación da CIG, alcanzouse un preacordo polo que a empresa readmite á traballadora despedida e se compromete á regularización laboral de todas as traballadoras, recoñecéndolle todos os dereitos segundo convenio e con carácter retroactivo dun ano, tal e como estabelece a lei.

Tras acadar este entendemento -que se plasmará na sinatura dun acordo definitivo ao longo día de hoxe-, a asemblea de traballadoras acordou  desconvocar a folga e as mobilizacións previstas para o resto desta semana. Ademais, pola tarde constituirase o mesa electoral para levar a cabo as eleccións no centro situado en Arteixo, cuxa convocatoria supuxo o inicio deste conflito co despedimento Henar, docente e candidata da CIG ás eleccións.

Para a CIG-Ensino este resultado constitúe unha vitoria das traballadoras e unha manifestación de que a acción sindical dá os seus froitos. A central parabeniza a todas as traballadoras da escola pola súa valentía, pola súa firmeza e pola loita que desenvolveron na defensa da súa dignidade e dos seus dereitos salariais e laborais. Hai que ter en conta que as eleccións que se celebran hoxe son as primeiras que se fan nesta escola e que a empresa non se aveu a reunirse coa representación social até que se efectivizou a primeira xornada de folga.

A CIG agarda que, tras este conflito innecesario e que tanto sufrimento lle causou a Henar e ás súas compañeiras, as relacións coa empresa se estabilicen e se poida levar adiante unha acción sindical dentro da normalidade, con respecto aos dereitos fundamentais das traballadoras. Neste senso, a CIG sinala a súa disposición ao diálogo e a negociar a regularización das condicións laborais do persoal, para que se lle recoñezan os dereitos salariais e sociais que estabelece o convenio de aplicación.

Así mesmo, a CIG-Ensino agradece o apoio e a solidariedade das nai e dos pais das crianzas da escola, xa que dende o primeiro momento se interesaron por coñecer os motivos do conflito e trasladaron o seu compromiso na loita pola reincorporación de Henar.

Volver