Denuncian que existen 47 centros en Galiza nos que non se ofertan Latín e Grego presencial malia contar con profesorado con horario dispoñíbel

O profesorado galego de Linguas Clásicas alerta de que esta medida afecta a máis de 200 estudantes e sinala que hai restricións na oferta noutros 16 centros, así como critica a tendencia da Consellaría a amortizar as xubilacións destas dúas especialidades

A CIG-Ensino solicitou na Mesa Sectorial na que se negociou a Orde da convocatoria do Concurso de Traslados que non se amortice ningunha vacante destas dúas especialidades mentres exista demanda e materias afíns coas que completar horario.

O persoal docente de Filoloxía Clásica vén de realizar un estudo nun cento de institutos galegos para comprobar unha tendencia que é evidente nos últimos anos: a redución da oferta das materias de Latín e Grego, a amortización de prazas cando se producen xubilacións e a non cobertura desas vacantes nin sequera de forma provisional por profesorado destas especialidades. Froito deste estudo detectaron que nestes intres hai 47 centros con profesorado de Latín e Grego que non están ofertando estas materias senón derivando o alumnado interesado (máis de 200 estudantes) á educación a distancia. Denuncian que este persoal está facendo gardas ou impartindo materias afíns, cando a docencia destes grupos sería a custe cero para a administración e que non hai un criterio uniforme en toda Galiza dado que existen centros nos que se conforma grupo con unha ou dúas persoas estudantes, mentres que noutros con catro denégaselle.

A CIG-Ensino aproveitou a celebración da Mesa Sectorial sobre a convocatoria do Concurso de Traslados para reclamar a restauración inmediata da presencialidade nestes centros e unha análise exhaustiva do que acontece noutros 16 nos que a Plataforma de Clásicas tamén denuncia restricións en canto a oferta e optativas.Á vista do estudo realizado por este colectivo existe unha clara discriminación do alumnado das zonas rurais que se ve presionado para cambiar a súa preferencia de materias ante a obrigatoriedade de cursalas a distancia a través do IES San Clemente que, á súa vez, tamén se ve desbordado por esta avalancha de matrículas de toda Galiza. Nalgúns centros as protestas están sendo moi visíbeis, como é o caso do IES Marco de Camballón de Vila de Cruce con mobilizacións de toda a comunidade educativa esixindo a praza que lles corresponde e que a administración lles nega. A preguntas da CIG-Ensino á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos sobre se amortizou esta xubilación, esta respondeu que non, pero a día de hoxe o alumando afectado segue sen docente. Con esta decisión da administración -indican desde o sindicato- estase a poñer en xogo o futuro do Bacharelato de Humanidades nesta e noutras localidades galegas.

Precisamente a amortización de xubilacións e a non cobertura sequera con profesorado provisional desas vacantes é outra consecuencia directa das políticas da Consellaría de Educación nestes anos, o que fai que estean a desaparecer departamentos unipersoais destas dúas especialidades dos institutos galegos, que o mesmo profesional teña que itinerar entre varios centros ou mesmo que sexan docentes doutras especialidades quen impartan estas materias. De feito, tal e como comprobou a CIG-Ensino na publicación definitiva de vacantes provisionais para este curso o número de profesorado de Grego adxudicado foi só de 6 fronte a 12 vacantes doutras especialidades que levaban como afín grego. No caso de Latín, profesorado desta especialidade propiamente dita con vacante provisional para todo este curso foi de 53 mentres que outras 37 prazas corresponden a outras especialidades que completan horario con Latín.

A CIG-Ensino solicitou na Mesa de negociación coa Consellaría que se favoreza a dotación de prazas a xornada completa destas dúas especialidades e que este profesorado poida impartir máis afíns, así como que se paralicen as amortizacións de xubilacións para non desprestixiar uns estudos clásicos nos que hai carencia de persoas tituladas, non só en Galiza senón no conxunto do Estado. “É unha paradoxa que as listaxes destas especialidades se abran varias veces ao longo do curso e que non haxa suficiente persoal para facer substitucións, chegando incluso á exención de contar co Mestrado de Formación do Profesorado, e á vez se estea limitando o estudo destas linguas e de Cultura Clásica na Secundaria e no Bacharelato”, conclúen.

Volver