Denuncian os “graves trastornos” que as obras no CIFP Manuel Antonio de Vigo provocan na comunidade escolar

A CIG-Ensino reclama unha maior planificación da Consellaría de Educación á hora de levar a cabo os traballos de acondicionamento dos centros

A CIG-Ensino denuncia os “graves trastornos” que as obras de rehabilitación e mellora do CIFP Manuel Antonio de Vigo están a causarlle á comunidade educativa, polo que lle reclama á Consellaría de Educación que esixa responsabilidades e garanta unha maior planificación deste tipo de traballos.

Dende a central sindical explican que o centro rexistra grandes deficiencias arquitectónicas, derivadas do paso do tempo e mesmo do seu deseño estrutural, polo que despois de varios anos de reclamacións e peticións por parte da dirección, do profesorado, de alumnado e da CIG-Ensino, “por fin comezaron as obras de restauración, aprobadas en 2024”. 

A preocupación pola seguridade do alumnado e do persoal vai en aumento

Mais ao iniciárense xa avanzado o mes de agosto non remataron a tempo “e non se sabe exactamente cando van rematar, o que está provocar “graves trastornos” no desenvolvemento das actividades lectivas: ruídos, vibracións, movemento de maquinaria, carga e descarga de material de construción, derrubamentos e extracción de cascallos, etc.

En consecuencia, a preocupación pola seguridade do alumnado e do persoal vai en aumento, pois xa se produciu algún derrube de cascallos. Ademais de rexistrarse danos nos equipos do propio centro: maquinaria e material de varios laboratorios están gravemente danados por caída de obxectos e auga (Patronaxe e Moda, Clínico, Biomédico, este con material biolóxico potencialmente perigoso, etc.).

Discriminación e abandono

“Somos conscientes da preocupación do equipo directivo, que procura cambiar aulas, marcar percorridos seguros, recomendarlle á empresa que non use maquinaria ruidosa durante as clases, etc.), mais tamén da necesidade de rematar o antes posible a obra. Porque afortunadamente este outono está a ser seco, pois se fose un outono normal, de chuvias, o desastre sería inmenso, xa que hai varios teitos abertos”. 

A comunidade educativa deste centro séntese discriminada e abandonada polas Administracións

Ao mesmo tempo, sinalan que o CIFP Manuel Antonio é un dos maiores centros de Galiza, con 1800 alumnas e alumnos. “E a súa comunidade escolar séntese discriminada e abandonada polas diferentes Administracións (Consellaría de Educación e Concello de Vigo) con respecto a outros centros”.

Por todo isto, solicítanlle á Consellaría de Educación que esixa responsabilidades polos trastornos que a obra está a provocar; que adopte unha solución urxente para evitar danos maiores; así como que teña en conta o curso escolar á hora de planificar obras nos centros educativos e non provoque estas “fatais consecuencias” nos inicios de curso.

 

 

Volver