Delegados e delegadas da CIG-Ensino, e outras organizacións sindicais, esixen diante de Educación o cese dos recortes

O 8 de maio celebraranse concentracións en todo o país convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Delegadas e delegados da CIG-Ensino, e outras organizacións sindicais do ensino público, celebraron hoxe unha nova concentración, diante da Consellaría de Educación, en Santiago de Compostela, para esixirlle ao Goberno galego que non aplique ningunha das medidas recollidas no RD Lei 14/2012 e que o recorra ante os tribunais. Co ánimo de frear os recortes, a Plataforma Galega ne Defensa do Ensino Público xa convocou concentracións comarcais para o próximo mércores, 8 de maio, pola tarde e iniciará peches rotativos nos centros o 14 de maio, entre outras accións.

Na concentración celebrada hoxe, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que o  RD Lei 14/2012 de 20 de abril de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo pode traducirse no despedimento de máis de 2000 docentes, supón unha grave invasión das competencias da Consellaría de Educación, incrementará o fracaso escolar e empeorará a calidade no ensino.

 

Louzao sinalou que as medidas aprobadas poñen en tela de xuízo a igualdade de oportunidades e conculcan un dereito, o da educación, que vai deixar de ser universal, ao expulsar do ensino público o alumnado que necesita máis apoio ou que procede de familias con menos recursos. Así mesmo, e en relación as declaracións feitas polo presidente da Xunta de Galiza -sobre a rateos e as taxas universitarias- o Secretario Nacional da CIG-Ensino dixo que as súas afirmacións teñen “nula credibilidade” e advertiu que o PP xa está a incumprir as propostas recollidas no seu programa, como, por exemplo, a de reducir a 15 o número de alumnos/as por aula en Educación infantil.

 

Louzao tamén lembrou que o ensino galego xa sufriu até o de agora reiterados recortes que se traduciron na perda de profesorado, empeoramento das condicións laborais e redución da dotación dos centros.  “Non imos permanecer pasivos ante estes recortes” engadiu, ao tempo que lembrou que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público xa ten previsto un calendario de mobilizacións que comezará  o vindeiro 8 de maio con concentracións comarcais e peches rotativos nos centros de ensino que empezarán o día 14. A Plataforma tamén apoia a convocatoria de folga estudantil na Universidade o  10 de  maio e insta aos consellos escolares e aos claustros de profesores a aprobar resolucións de apoio ao ensino público. Tamén confluirá xunto coa Plataforma en Defensa da Sanidade nunha manifestación nacional, o día 3 de xuño.

Volver