Delegados e delegadas da CIG-Ensino concéntranse durante a presentación do Plan de benestar emocional para esixir negociacións ao conselleiro

Desde o sindicato critícase a falta de respecto de Román Rodríguez cara a representación do profesorado e que non se coñezan os detalles da suposta negociación que se está producindo no marco do Acordo de Melloras, “algo que coa CIG nunca se produciría"..

En declaracións aos medios de comunicación, Diego Boquete, secretario de Acción Sindical, insistiu en que se se quere mellorar o benestar emocional nos centros é necesario dotalos de máis persoal. “O benestar conséguese con condicións de traballo dignas e apostando polo ensino público e non con actos propagandísticos e vídeos publicitarios que é ao que se dedica ultimamente o conselleiro até o punto de parecer un Youtuber”.

Ás dez da mañá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura daba comezo a presentación do Plan de Benestar Dixital a cargo do conselleiro de Educación e de varios altos cargos do seu departamento. Un grupo de delegados e delegadas da CIG-Ensino concentrouse ás portas da sala de eventos para “visibilizar que queremos comezar unha negociación para mellorar as condicións laborais do profesorado”, en palabras de Diego Boquete, responsábel de Acción Sindical. “Non nos serve o marco de negociación da comisión de seguimento do chamado Acordo de Melloras, que por certo os mesmos sindicatos que o asinaron o teñen denunciado nos xulgados por incumprimento, porque ademais o que quere negociar o profesorado galego está fóra dese acordo”, engadiu. 

A CIG-Ensino foi moi crítica coa actitude do conselleiro que ignora a representación maioritaria do profesorado galego e que está continuamente nas redes sociais protagonizando vídeos e realizando actos propagandísticos. “Semella que está intentando salvar o seu posto de traballo cando o que quere a CIG-Ensino é defender os postos de traballo docentes e unhas condicións mínimas para o ensino público galego”. Ademais, púxose o foco en que é preciso que se coñezan os detalles da suposta negociación que se está levando a cabo na comisión de seguimento do acordo. “Nunha Mesa Sectorial, que por certo só houbo unha no que vai de curso sobre o Concurso de Traslados, a CIG-Ensino publica todas as propostas e documentos que se someten a debate e mantén permanentemen informado ao profesorado de todos os pasos, mentres que do que se fala nesa comisión de seguimento nada se sabe por ningunha das partes. O profesorado pode ter claro que isto coa CIG nunha negociación nunca pasaría”, salientou.

Por último, a preguntas dos xornalistas sobre o novo Plan Integral de Benestar Dixital anunciado polo presidente Rueda e que inclúe a sinatura dun contrato coas familias e o alumnado para controlar o uso de pantallas fóra dos centros educativos, Boquete comentou que excede as responsabilidades que lle competen ao profesorado porque se trata de cuestións que non son académicas nin pedagóxicas e que non van permitir que supoña máis burocracia, ademais de lamentar que non pase pola Mesa Sectorial "se, como parece, vai afectar ás condicións laborais docentes", concluíu.

Volver