Delegados/as de Sanidade, Ensino e Administración concéntranse en defensa de salarios e dereitos no sector público

A mobilización coincidiu co pleno no que se debatían os orzamentos para 2023

Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde e CIG-Administración) concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza, coincidindo coa celebración do pleno no que se debaten os orzamentos para 2023, para manifestar o seu rexeitamento a uns orzamentos que non permiten recuperar o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores do sector público, nin os seus dereitos laborais.

As e os delegados concentrados reclamaron, entre outras cuestións, a recuperación do fondo de Acción Social coa asignación do 1% da masa salarial; a recuperación dos 9 días de asuntos propios ou de libre disposición e a recuperación das pagas extraordinarias completas.

No decurso da mobilización o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, denunciou que coa Lei de Orzamentos para 2023, a Xunta introduce á forza, a posibilidade de modular ou eliminar a percepción dos complementos que retribúen as condicións de servizo específicas do funcionariado. “Desta forma pretende reducir o salario do seu persoal nas baixas, conciliacións, vacacións ou cando considere que parte do servizo non se presta por carteleira ou polas condicións das funcións ou do traballador/a”.

Lembrou ademais que a Lei de Medidas que mudou a Lei 2/2015 de emprego público de Galiza “perpetúa os recortes do 2012” polo que se manteñen suspendidos o dereito a 9 días de permiso por asuntos persoais sen xustificación, quedando reducidos a 6; o artigo 19º do V Convenio Colectivo, relativo a “descanso e festivos”; o artigo 29º, relativo a “dereitos de comedor” e o artigo 34.2º, relativo a períodos de descanso en Nadal e Semana Santa.

Xunto a isto subliñou que segue sen se aplicar o grupo B, integrando ao persoal nun grupo inferior (C1) e muda as funcións de varias escalas.

Carballo denunciou que a Xunta “non acepta ningunha proposta de mellora na LEPG, como a de recoller os dereitos do V Convenio e “que así o persoal laboral non perda os seus dereitos pola funcionarización masiva”; que “ignora que ten baixar as horas semanais” xa que a administración é “unha das poucas que queda sen aplicar as 35 horas” e que se nega a tratar os concursos permanentes ou a promoción interna real.

Horario lectivo

Pola súa banda desde a federación de Ensino demandaron a recuperación dos períodos lectivos de 21 sesións en Infantil e Primaria e de 18 sesións en Secundaria e outras ensinanzas, eliminando un dos recortes de dereitos máis lesivos aplicados pola Xunta.

Canda isto, denunciou a anulación, na Lei de Orzamentos, do pagamento do verán ao profesorado substituto con cinco meses traballados ao longo do curso e exixiu o recoñecemento, a todo o profesorado de FP que non se integre no corpo de PES, dun complemento de equiparación.

Persoal do SERGAS

No relativo aos dereitos do persoal do SERGAS, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, demandou a recuperación do cobro do promedio de atención continuada durante a incapacidade temporal.

Ademais reiterou a demanda da CIG-Saúde da recuperación do acordo 2008-2012, para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Expediente electrónico

O persoal de Xustiza tamén levou as súas demandas ás portas do pazo do Hórreo onde Oscar Freixedo, responsable nacional do sector, exixiu unha dotación orzamentaria suficiente para a verdadeira implantación do expediente electrónico na Administración de Xustiza galega, así como para a instauración das relacións de postos de traballo derivadas da aprobación da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa.

Volver