Delegados/as da área pública da CIG ocupan as Delegacións de Facenda en contra dos orzamentos da Xunta

A central rexeita as contas dos gobernos galego e español, que serán aprobadas mañá, ao incidir no recorte do investimento de carácter produtivo, do gasto social e na rebaixa dos salarios das e dos empregados públicos

Delegados e delegadas da área pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) desenvolveron esta mañá peches simbólicos nos servizos centrais e nas delegacións da Consellaría de Facenda en Compostela, A Coruña, Vigo e Lugo para rexeitar os orzamentos xerais do estado e da Xunta de Galiza para o ano 2011, que serán aprobados definitivamente no Parlamento este martes. Uns orzamentos que, para a CIG, son os máis antisociais dos últimos anos, reproducindo os recortes marcados polo goberno español, continuando adiante coa redución salarial das e dos traballadores da administración e destruíndo emprego e servizos públicos.

No caso de A Coruña, os delegados e delegadas ocuparon unha parte das oficinas situadas no segundo andar do edificio da Delegación Territorial de Facenda (na Praza de Pontevedra), diante dos despechos da Xefatura Territorial. O peche simbólico desenvolveuse sen incidentes dende as 11:30 horas até pasadas as 13:00 horas, momento no que se levantou a protesta voluntariamente.

En Compostela o peche realizouse nas dependencias da consellaría de Facenda, nos servizos centrais do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano e nel participaron delegados e delegadas das tres federacións da área pública xunto con representantes da central sindical da comarca.

En Vigo o peche, no que participaron varias ducias de delegados/as, desenvolveuse na delegación de Facenda entre as 11.30 e as 12.30 horas, e durante o mesmo repartíronse entre os usuarios follas informativas nas que se explicaban os motivos desta mobilización. Do mesmo xeito, en Lugo o peche foi na delegación territorial da consellaría de Facenda.

A través destas accións reivindicativas, a CIG quere manifestar publicamente a rotunda oposición tanto aos orzamentos do goberno español como aos da Xunta para o vindeiro ano, que, en troques de recoller un incremento do investimento público de carácter produtivo e un maior gasto social para contribuír a reactivar a economía, xerar emprego e mellorar a calidade de vida da poboación, inciden no recorte social e na consolidación da rebaixa salarial para as empregadas e empregados públicos.

A Secretaria Nacional da CIG-Administración Pública, María Carme López Santamariña, que participou no peche realizado na delegación de Facenda en A Coruña, sinalaba durante o acto de protesta que a central sindical presentou alegacións aos anteproxectos e proxecto de orzamentos da Xunta para o 2011 sen que se tomasen en conta ningunha das propostas trasladadas dende a CIG. “Atopámonos diante dos orzamentos máis antisociais dos últimos anos, con enormes recortes nos servizos públicos: atención sanitarias, servizos sociais, ensino e todo aquilo que ten que ver cos servizos que debería prestar a administración pública aos colectivos máis desfavorecidos nun momento de grave crise como o actual”, criticou.

Neste senso, apunta que as contas da Xunta resultan especialmente restritivas dentro do apartado destinado á área pública e supoñen “un ataque brutal” contra as traballadoras e traballadores públicos, posto que se consolida e afonda na rebaixa salarial executada xa no 2010 (para o 2011 prevese un recorte do 7,1% e unha redución de máis do 30% nas pagas extraordinarias), conxélase a oferta de emprego público e a taxa de reposición limítase ao 10%, incluíndo por primeira vez á Sanidade e o Ensino.

“Isto vén significar a destrución de empregos públicos e polo tanto de servizos, que xa neste ano 2010 están desaparecendo, aproveitándose  o goberno galego do PP das directrices que o goberno do PSOE está marcando dende Madrid”, sinala López Santamariña. Ao mesmo tempo advertiu que a CIG non está disposta a ser cómplice “dunha política económica e laboral encamiñada a deteriorar os servizos públicos mediante a súa progresiva redución e privatización, desmantelando e aniquilando servizos, e reducindo os seus cadros de persoal”.

De igual xeito, a responsábel da Federación de Administración Pública denunciou as modificacións da Lei da Función Pública, que se aprobarán a través da lei de Acompañamento dos Orzamentos, e que inclúen a mobilidade forzosa para o persoal das administracións públicas galegas e o regreso ao sistema de libre designación para as Xefaturas de Servizo e demais postos de traballo.

Concentración o martes diante do Parlamento

As Federacións da Área Pública da CIG teñen convocadas tamén unha concentración  para mañá, martes 21 de decembro, ás 11:30 horas, diante do Parlamento de Galiza, coincidindo coa votación do proxecto de orzamentos da Xunta para o 2011. Ademais, a CIG mantén a convocatoria da concentración para o mércores 22 de decembro, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno en A Coruña, xa que esta era a data inicial prevista para a votación no Congreso dos Deputados das contas xerais do estado para o vindeiro ano.  

Volver