Delegadas e delegados da CIG-Ensino denuncian a pretensión de Educación de suprimir o permiso de até 3 días por enfermidade leve xustificada documentalmente

Con este novo recorte obrigaríase o profesorado a ter que solicitar unha baixa laboral coa conseguinte diminución de salario por enfermar

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante de Educación para denunciar a pretensión da Consellaría de suprimir o permiso de até tres días por indisposición ou enfermidade xustificada documentalmente. Un recorte co que se condenaría o profesorado a ter que solicitar unha baixa laboral, coa conseguinte e importante diminución de salario por enfermar.

Diante disto, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, fixo un chamamento ao profesorado para que solicite igualmente o permiso, xa que a disposición legal que recolle este dereito aínda non foi derrogada e recomenda que de lle ser denegado “presente a correspondente reclamación e se poña en contacto co sindicato”.


Louzao lembra que a orde de permisos e licenzas do persoal docente, recollida no DOG do 23 de abril de 2008, estabelece na súa disposición décimo segunda o permiso por ausencias por indisposicións ou enfermidades leves non superiores a tres días cando se achegue a pertinente xustificación documental.


Porén, denuncia que, agora, a Consellaría “ten a pretensión de suprimir unilateralmente este permiso xustificando esta eliminación por entender que a Lei 2/2015, do 29 de abril, do Emprego Público de Galiza derroga este permiso”.


Lonxe disto, a CIG-Ensino entende que esta é unha interpretación interesada, xa que a Orde do 7 de abril do 2008, que regula os permisos e licenzas do profesorado non se derrogou coa Lei de Emprego Público de Galiza, que substituíu a Lei da Función Pública de Galiza.


O secretario nacional da CIG-Ensino sinala que “en canto tivemos coñecemento da supresión deste dereito –o 11 de novembro- dirixímonos á Consellaría para reclamarlle a continuidade deste permiso” e adiantou que, no caso de que non atenda a súa demanda, “promoveremos os recursos necesarios para facer valer este dereito”.


Apoio de mariñeiros do cerco

 
A concentración, na que as delegadas e delegados da CIG-Ensino elevaron a súa protesta cantando unhas panxoliñas propias da época do ano, recibiu o apoio dos mariñeiros do cerco, que a esta altura levan acampados en San Caetano máis de 60 días.


Do mesmo xeito, ao remate da concentración, o secretario nacional, Anxo Louzao, agradeceulles a súa solidariedade e manifestou o apoio da central sindical á súa xusta loita en demanda de poder vivir do seu traballo.

Ligazón á letra da panxoliña de Nadal Pero mira como cortan interpretada na concentración

                  

Volver