Delegadas e delegados da CIG-Ensino concéntranse diante da Consellaría de Educación solicitando a cobertura de todas as baixas nos centros educativos

Desde comezo de mes estanse borrando todos os días unha media de máis de 20 baixas solicitadas polos centros educativos

Para a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade o ensino galego xa superou a Covid, ao menos iso é o que demostra nos chamamentos para cubrir as baixas do profesorado dos centros galego.

Día tras día a Consellaría borra unha media de 20 baixas subidas polos centros educativos. En concreto, tal e como constata o sindicato no seguimento que fai diariamente desta problemática, como polas numerosas queixas que lle chegan de persoal substituto, elimina todas as baixas que non superen os 10 días, sen importarlle que sexan por positivo Covid ou non. Cómpre lembrarlle á Consellaría que se un equipo directivo sube unha vacante é porque a precisa, polo que está vulnerando o lexítimo dereito do alumnado e do centro educativo a recibir a atención que necesitan.

Na mañá de onte, por exemplo, desde as 9 horas ás 12 producíronse 41 vacantes no corpo de mestras, das cales adxudicaron 13, borraron outras 13 e 15 aínda seguían pendentes. En Secundaria de 26 vacantes que había ás 10 da mañá adxudicaron 10 e quedaban pendentes 5 ás 13 horas, polo que as outras 11 desapareceron nesas tres horas. Estes datos soen aumentar ao longo da mañá, de aí que a CIG-Ensino estime que de media se veñen borrando ata 20 vacantes os días dos chamamentos.

Este cálculo de non cobertura dunha substitución de menos de 10 días faise aínda máis grave se temos en conta que a Consellaría volve chamar só 2 días á semana (martes e venres), co cal en moitos casos baixas que serían cubertas, aínda coas limitacións impostas pola administración, non o son xa que cando chega o día do chamamento xa pasaron demasiados días desde que os centros subiron a necesidade desa substitución. Por exemplo, unha vacante de 10 días subida un martes pola tarde no mellor dos casos non sería cuberta ata o venres e a persoa substituta non se incorporaría ata o luns, polo que o modo de proceder da administración cando chega o venres é borrala “para non facer un nomeamento por uns poucos días e aforrar custos en persoal que é o fin último deste modo de actuación”, sinalan desde o sindicato.

Esta situación que denunciaron hoxe os delegados e delegadas da CIG-Ensino nunca concentración fronte á Consellaría fai que, na práctica, non se estean a cumprir as mínimas medidas anti-Covid que se mantiñan este ano, é dicir, desaparecen os grupos burbulla, xa que o profesorado de garda ten que pasar por numerosas aulas, situación que se agrava aínda máis no ensino infantil e en educación especial xa que en moitos casos o alumnado ou non leva máscaras ou non as leva ben colocadas. Neste sentido, e aínda que todas as vacantes son necesarias, desde a CIG-Ensino incidimos naqueles casos máis delicados como as titorías de infantil e primaria, o profesorado de educación especial ou de atención a alumnado con NEAE, que deberían cubrirse no mesmo día.

A estratexia da Consellaría está levando a que este curso sexa incluso máis caótico que o anterior e a que o alumnado estea moito máis desprotexido, tanto pola supresión dos desdobres, como pola constante inestabilidade dos claustros e a non cobertura das substitucións. As consecuencias, tal e como denuncian desde os centros, xa se están percibindo día a día: peores resultados académicos e maior inestabilidade emocional de alumnado e persoal docente.

CIG

Desde a CIG-Ensino esixímoslle á administración unha rectificación urxente nesta política de cobertura das baixas e que sigan realizando os chamamentos todos os días. Así mesmo, animamos os centros educativos a que sigan subindo todas as vacantes que precisen, sexa cal sexa a súa duración e causa, incluso que as volvan subir despois de que llas borren, como xa detectamos que están a facer nalgún colexio ou instituto.

 

CIG-Informa sobre a concentración solicitando a cobertura de todas as baixas nos centros educativos

Documento


Volver