Delegadas e delegados da CIG do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar entregan 981 sinaturas reclamando a aplicación do V Convenio
Concentráronse diante da Consellaría de Traballo e Benestar este mércores 27 de novembro
A CIG denuncia a situación de precariedade laboral na que se atopan as máis de 1.000 traballadoras e traballadores do Consorcio, sen convenio de referencia, e con salarios que non chegan nin aos 1.000 euros, aos que se lles aplicaron tamén as reducións nas súas retribucións, incluído o recorte das súas pagas extra.
No escrito presentado este mércores, referendado por 981 adhesións de traballadoras e traballadores do Consorcio, tamén se inclúe a demanda de mantemento de todos os postos de traballo do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar na integración na Axencia Galega de Servizo Sociais.
Entre as demandas que se lle fan á Consellaría figura a de que se garanta a continuidade das traballadoras do Plan de Inclusión a partires de 2013, a restitución dos salarios e das pagas extraordinarias completas, transparencia e publicidade na xestión das listas de agarda e a autorización para a realización de permutas entre as traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.