Delegadas e delegados da CIG concéntranse ante o Consorcio para denunciar a privatización das Escolas Infantís “Galiña Azul”

Exixiron, ademais, o inicio das negociacións para a integración do persoal laboral do Consorcio no V Convenio do Persoal Laboral da Xunta de Galiza

O pasado 17 de xaneiro, o Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais iniciaba a carreira privatizadora das escolas infantís “Galiña Azul”, coa publicación no DOG da privatización da xestión da escola infantil de Monteporreiro, en Pontevedra. A partir desa data, sucedíanse os anuncios de licitación da xestión privada doutras escolas infantís: Betanzos, Carballo, O Pino, Coristanco. Para manifestar a súa rotunda oposición a este proceso de privatización, delegadas e delegados de CIG concentrábanse esta mañá, diante do edificio do Consorcio.

No decurso do mesmo, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou o “escandaloso” que é que o Consorcio anuncie a licitación destes servizos pola vía de urxencia, apurando os prazos ao límite. “É un mecanismo fraudulento”, afirmou.

Louzao lembrou que a CIG-Ensino xa advertira en outubro da intención deste ente de optar pola vía da privatización para as 17 novas escolas infantís de construción programada “seguindo ao pé da letra, as directrices neoliberais que abandeira o PP”.

“A ninguén se lle escapa que as empresas que obteñan a concesión destes centros públicos van buscar o beneficio”, dixo e alertou de que “todo semella indicar que a Xunta beneficiará a empresas afíns ideoloxicamente ao PP”. A este respecto, sinalou o caso de FESAN, unha empresa que se di que está vinculada ao Opus Dei e que xa xestiona, a día de hoxe, varias escolas infantís. “Ábrese unha vía de negocio que, para nada, debía ser o obxectivo destes centros educativos”. 

Para a CIG-Ensino, isto supón “unha involución” clara respecto das políticas de creación de centros públicos iniciada polo anterior goberno da Xunta. “Coa privatización das novas escolas infantís dáse marcha atrás á consolidación dunha rede pública para a etapa de 0 a 3 anos, optando, como na etapa dos gobernos de Fraga, pola privatización das escolas infantís”.

O secretario nacional de CIG-Ensino, lembra que o modelo naquel momento consistía na privatización a través dos concellos de escolas construídas con fondos públicos “convertendo un servizo público nun negocio para as empresas”.

Agora, dixo “é directamente o Consorcio  quen, logo de investir diñeiro público na construción destas escolas, as oferta ás empresas privadas, apostando polo clientelismo e o empeoramento da oferta educativa e das relacións laborais”.

Na actualidade, existen 102 escolas infantís dependentes deste organismo, todas elas de titularidade e xestión públicas e con persoal propio. Nos próximos meses está prevista a apertura doutras escolas infantís.

Delegadas e delegados da CIG concéntranse ante o Consorcio para denunciar a privatización das Escolas Infantís “Galiña Azul”

Volver