Delegadas da CIG marcharon por toda Galiza para reclamar unha saída laboral xusta e digna á crise sanitaria

Nas sete grandes cidades escoitouse esta mañá a reclamación dun fortelecemento dos servizos públicos, sobre todo da sanidade, a educación e os servizos sociais, así como de políticas de creación de emprego e riqueza no noso país.

Miles de delegadas da CIG marcharon esta mañá por diversas rúas das sete cidades para esixir políticas que permitan unha saída xusta e galega da crise sanitaria, que protexan a clase traballadora fronte ao capital e que favorezan o desenvolvemento económico e social de Galiza. Estas marchas (formadas por columnas dunhas 30 persoas) confluíron nunha praza de cada cidade onde se celebrou unha asemblea para avaliar a situación actual, as medidas aplicadas até agora, a resposta e as alternativas propostas pola central sindical.  

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou nunha das marchas da Coruña, subliñou a necesidade de retomar a mobilización e a resposta social para forzar que os gobernos lexislen a favor das maiorías sociais e non do capital. "Canto máis se avance na crise derivada da pandemia manténdose este tipo de políticas inxustas e erráticas por parte do Goberno español e da Xunta, máis devastación haberá, tendo en conta que en Galiza xa estabamos nunha grave crise industrial, social e demográfica", lembrou.

A crise non se pode enfrontar coas mesmas receitas neoliberais

Neste contexto, aseverou que esta crise non se pode enfrontar coas mesmas políticas neoliberais que  tanto dano teñen causado á clase obreira e que xa se demostraron fracasadas. Unhas políticas que chegan ademais nun contexto de pobreza xeneralizada e precariedade laboral froito da aplicación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva, e de profundos recortes e desmantelamento dos servizos públicos "o que nos deixa nunha situación moito peor e de maior debilidade que na crise de 2008".

Feijóo máis preocupado polo rendemento electoral que polo futuro de Galiza

Carril tamén criticou duramente a xestión do Goberno Feijóo, máis preocupado por facer electoralismo sen escrúpulos de ningún tipo e fomentar unha fraudulenta imaxe reivindicativa ante Madrid, que por exercer as súas competencias e por desenvolver as capacidades  que como pobo galego e como nación temos para afrontar esta situación.

Todo este conxunto de medidas que se nos están impondo  "converten a desescalada sanitaria nunha desescalada infernal nos dereitos laborais, o emprego e o benestar. Non podemos permitir que esta crise novamente a volva pagar a clase traballadora e o conxunto do pobo galego con máis precariedade, desemprego, emigración e pobreza", aseverou, lanzando un chamado a dar na rúa toda a resposta que sexa precisa para mudar esta situación e termos unha Galiza soberana e con futuro.

O ensino presente nas marchas e ausente nas políticas da Xunta

Delegadas do sector do ensino lembraron como o profesorado e o ensino público galego foron os grandes esquecidos da xestión desta crise, con instrucións erráticas, descargando toda a responsabilidade no goberno de Madrid, cando a Xunta non deixou de ter as competencias educativas en ningún momento, e agora claramente ninguneado na planificación de cara ao vindeiro curso. Neste sentido alertan de que se manterán moi vixiantes ante a intención manifestada por Feijóo na reunión de presidentes autonómicos con Pedro Sánchez, segundo saíu publicado en varios medios de comunicación, de dedicar os fondos destinados a educación dentro do paquete de compensación pola crise sanitaria a outros fins.

Volver