Delegadas da CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT-SP Ensino, USO, CUT e SNEP principian a campaña “Política Social en Loita” cunha caravana de coches arredor de San Caetano
A mobilización provocou un atasco nas inmediacións do edificio da Xunta coa participación de máis de un cento de vehículos
Con esta e outras accións que anunciaron esta mañá ante os medios de comunicación preténdese sensibilizar á sociedade e ás persoas usuarias sobre a precariedade laboral que sofren as máis de 5.000 persoas que traballan nos sectores de atención á discapacidade, atención a menores e educación infantil 0-3 anos en Galiza. Denuncian, entre outras cuestións, que o 70-80% dos traballadores e traballadoras apenas cobra o SMI, cando o traballo que fan está catalogado como esencial, ademais de ratios abusivas, falta de persoal para substitucións e vacacións, contratos precarios e escasas medidas laborais e de conciliación. Piden unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para iniciar negociacións que permitan a aprobación de complementos autonómicos e doutras medidas que rematen coa súa precariedade laboral, dado que estes tres servizos dependen directamente do seu departamento.
O obxectivo era visibilizar as reivindicacións dos máis de medio milleiro de traballadores e traballadoras dos sectores de protección de menores e reforma xuvenil, atención a menores e adultos con discapacidade e educación infantil até tres anos e conseguiuse sobradamente. Máis de un cento de coches rodearon San Caetano durante máis de unha hora cunha sonora pitada e provocando retencións para acceder aos edificios administrativos da Xunta. Coches engalanados para a ocasión, ao paso das persoas que portaban a pé a faixa unitaria e moito ruído e colas de vehículos nunha acción coa que os seis sindicatos con representación no sector deron comezo á campaña “Política Social en Loita”. Tal e como explicaron delegadas de cada un deles nun manifesto que se leu antes da caravana, trátase dunha acción que pretende socializar a precariedade laboral que afecta a este colectivo conformado por máis de 5.000 persoas (máis de 2.000 tanto en atención á discapacidade como no primeiro ciclo de infantil e máis de 1.000 no de menores). Cabe sinalar que é un colectivo maiormente feminizado e con salarios moi baixos malia a enorme responsabilidade do traballo que desempeñan ocupándose de persoas en situación de vulnerabilidade ou ben por cuestións de idade, de situación ou de condición persoal. En xeral, as súas raquíticas retribucións, coa práctica totalidade do persoal cobrando o SMI ou pouco máis, as ratios abusivas que impiden atender como deberan aos usuarios e usuarias e a falta de dereitos laborais son puntos en común dos tres sectores.
Novas accións para presionar á Xunta e ás patronais e empresas
Ante o silencio e o abandono por parte da Consellaría de Política Social, da que depende directamente a xestión destes tres servizos pero que están maioritariamente privatizados ou en mans de asociacións, fundacións e pequenas empresas, as seis organizacións sindicais acordaron realizar máis accións de visibilización social tanto nas rúas coma nos centros de traballo para forzar á administración e ás patronais e empresas a unha negociación. Despois da caravana reivindicativa de hoxe, mañá dará comezo a iniciativa “Mércores de loita nos centros de traballo” con concentracións do persoal e toma de imaxes e vídeos para a súa posterior difusión nas redes sociais. Ademais, levarase a cabo a acción “Petiscos de realidade nos tres sectores de Política Social” coa que, a través de vídeos, se explicarán en detalle as condicións nas que prestan servizos en cada empresa (arredor de 550 en todo o país, o que demostra a súa atomización): ratios, falta de persoal cobertura de vacacións e baixas, falta de recursos materiais e de mantemento ou modernización de instalacións, perigosidade, toxicidade... e as condicións laborais que as levaron a estas protestas (conxelación salarial, absorción de complementos pola suba do SMI, contratos temporais, parciais e fixos descontinuos, ausencia de licenzas e permisos por riba do que marca o Estatuto das persoas traballadoras, moi poucas medidas de conciliación laboral e familiar, etc.). Esta campaña está dirixida tamén ás familias e persoas usuarias destes servizos para que coñezan cal é a realidade do persoal que os atende.
Descarga o material e difunde as accións reivindicativas
As organizacións sindicais poñen a disposición do persoal traballador cartaces e faixas para desenvolver accións de protesta naqueles centros de traballo nos que non sexa posible a creación de materiais reivindicativos propios ou como apoio destes.
Para a súa difusión empregaranse os cancelos:
- #persoalpoliticasocialenloita
- #melloraslaboraisdiscapacidadexa
- #melloraslaboraismenoresxa
- #melloraslaboraisinfantil03xa
Ligazón aos cartaces para a súa descarga.
O correo de recepción dos materiais gráficos e audiovisuais é: persoalpoliticasocial@gmail.com
MANIFESTO CONXUNTO DO PERSOAL TRABALLADOR DOS TRES SECTORES
Convenios dignos e xustos
As seis organizacións decidimos en unidade de acción sindical, dar continuidade e intensificar as mobilizacións comezadas a finais do pasado ano. Isto responde á actitude de desprezo por parte da Consellaría de Política Social e á calada por resposta ante as nosas solicitudes de reunión, xunto coa pasividade dalgunhas Patronais e Asociacións, co fin de que se atendan todas as súas reivindicacións xustas e lexítimas.
Deste xeito, anunciamos unha “campaña de concienciación social” sobre a precariedade laboral que sofren as persoas traballadoras destes sectores. Do mesmo xeito, denunciamos o abandono por parte da Administración, que é a responsable destes servizos públicos que ofrecen e que se definen como “esenciais”, pero que non se atenden, laboral e salarialmente, como tales.
Mobilizámonos nas rúas e nos centros de traballo, coa finalidade de amosar a fartura, a preocupación e o tremendo enfado de todo este persoal e para forzar a negociación das súas reivindicacións ante a Administración galega e as patronais/asociacións dos tres sectores.
Accións “Política Social en Loita”
- “Cerco á Consellería de Política Social”
Ante a falta de resposta da Consellería de Política Social ás numerosas solicitudes de reunión coas organizacións sindicais, tanto de forma individual como colectiva, hoxe martes delegados e delegadas protagonizamos unha caravana reivindicativa de coches arredor de San Caetano.
- “Petiscos de realidade nos tres sectores de Política Social”
Iniciamos unha campaña de concienciación social por medio de recursos audiovisuais na que daremos a coñecer a realidad das persoas traballadoras destes tres sectores de Política Social e as dificultades, carencias e perigos que acontecen no día a día.
Queremos facer pública a situación nos centros de traballo (ratios, falta de persoal, cobertura de vacacións e baixas, falta de recursos materiais e de mantemento ou modernización de instalacións, perigosidade, toxicidade, etc.) e das condicións laborais e salariais do persoal (conxelación salarial, absorción de complementos pola suba do SMI, contratos temporais, parciais e fixos discontinuos, licenzas e permisos, conciliación laboral e familiar, etc.).
- “Mércores de loita nos centros de traballo”
Comezando no mes de febreiro, todos os mércores (días 4, 11, 18 e 25), instamos ao persoal traballador a realizar durante o día, nos momentos que poidan, concentracións reivindicativas tanto dentro coma fóra do centro. O obxectivo é recabar fotografías e/ou pequenos vídeos para darlles difusión de forma conxunta a través das distintas organizacións sindicais.
As reivindicacións de cada sector:
Discapacidade
-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun Complemento salarial autonómico.
-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.
Menores
-Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, baixada de ratios, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.
Infantil 0-3
- Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.
- Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
-A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.
Novas relacionadas

