Decembro negro de mobilizacións que culmirán co velorio e enterro simbólicos do ensino público galego nas xornadas de folga do 16 e 17 de decembro

A CIG-Ensino anima ao profesorado a tinxir de negro os centros en sinal de loito polos recortes e desmantelamento do ensino público galego mentres apela a manter o espírito de loita secundando as que serán a 4ª e 5ª xornadas de folga docente no trimestre

O día 16 de decembro as organizacións convocantes das folgas propoñen a implicación activa de todo o profesorado galego, coa colaboración das familias alí onde sexa posíbel, para organizar marchas fúnebres entre centros educativos de diversas localidades galegas portando candeas, crespóns negros e outra simboloxía mortuoria. O obxectivo desta acción é socializar a nivel local o conflito laboral docente que se vive en Galiza este curso e que nos centros se visibilice o número de profesorado recortado nos últimos cursos, o número de alumnado con necesidades sen atender, a redución de servizos e de calidade educativa... O mércores 17 prevese unha manifestación con saída ás 11:30 horas do Parlamento de Galiza e que atravesará Compostela simulando o enterro simbólico do ensino público galego, após a aprobación se non hai modificación até esa data dos Orzamentos da Xunta de Galiza, para o que tamén se solicita que as persoas asistentes vistan de negro e porten cartelaría, pancartas e atrezo fúnebres.

O sindicato maioritario no ensino público galego desenvolverá diversas actividades reivindicativas ao longo deste mes, de aí o cualificativo de “decembro negro” para visibilizar todos os dereitos roubados e os recortes do goberno da Xunta que levaron a que este sexa o curso máis conflitivo nos últimos 40 anos. En paralelo dará a coñecer nunha campaña informativa dirixida á sociedade galega, a través dos medios de comunicación e das redes sociais, cada unha das demandas da táboa reivindicativa deste conflito que non é só laboral xa que afecta de cheo á calidade do servizo público que é a educación. Neste sentido, a CIG-Ensino reclama a baixada de ratios con carácter inmediato no primeiro curso de todas as etapas a partir de setembro do ano 2026; a recuperación do horario lectivo de 21 horas en infantil e primaria e de 18 no resto de ensinanzas; a dotación de maior persoal para atender a diversidade e de profesionais de orientación en todos os niveis educativos; un plan real que permita reducir a burocracia innecesaria e eliminar a imprescindíbel con redución da carga lectiva para quen ten responsabilidades de dirección, coordinación ou titoría; un acordo retributivo que permita recuperar o poder adquisitivo perdido desde a crise do ano 2010; melloras nas condicións laborais do persoal interino e substituto, recuperando o cobro do verán para quen traballe 5 meses e medio e permitindo a restrición por áreas xeográficas sen xustificación para as substitucións; a negociación dunha reforma da FP que blinde o seu carácter público e a súa calidade fronte á cada vez máis feroz privatización e ao intento de substituír o profesorado por persoal experto das empresas; o recoñecemento da función docente sen poñer en cuestión a autonomía pedagóxica dos centros e a liberdade de cátedra, así como unha nova política lingüística no ensino que free a perda de falantes e de competencia no noso idioma e que o prestixie no ámbito educativo.

Nos dez días que quedan de decembro antes das folgas do día 16 e 17 de decembro o persoal delegado da CIG-Ensino fará un esforzo por fomentar o debate arredor do conflito nos centros educativos, mediante as habituais asembleas de centro que se celebran durante os recreos pero tamén a través doutras abertas a todo o persoal docente que se están organizando a nivel comarcal en horario de tarde para facilitar a asistencia de quen non pode facelo polas mañás.

Ademais, o sindicato chama á colaboración das Anpas que desde comezos de curso veñen organizando concentracións, manifestacións e outras accións para reclamar máis profesorado nos seus centros a que se sumen ás accións previstas para o día 16 e 17, dado que moitas delas xa comezaron a organizarse tamén a través de temáticas semellantes como os martes ou os venres negros. Deste xeito, afirman desde o sindicato “poderase simbolizar diante de toda a sociedade galega que o ensino público está en loito pola falta de medios e recursos pero que non se resigna ante esta situación e que se mantén en loita, cunha resistencia e fortaleza exemplar como os 5 días de folga docente en apenas 4 meses de curso, algo insólito desde os anos 80”.

Volver