
Data prevista adxudicación provisional CADP: 26 de xullo
Con case total seguridade ao longo da tarde
A Consellaría vennos de comunicar que, pendente aínda de que xurdan imprevistos, queren publicar a adxudicación provisional do CADP o venres 26, con case total seguridade ao longo da tarde. En todo caso, non existe aínda confirmación oficial na web nin seguridade de que dean feito.
O prazo de reclamacións remataría, se publican o 26, o martes 30 (todo o día).
A Consellaría argumenta que o adianto do día previsto (luns 29) ao fixado agora é para asegurar que a resolución definitiva se publique o venres 2 de agosto.
Na CIG-Ensino temos a certeza de que o enorme atraso no traballo para determinar as prazas que sairán no CADP dificulta totalmente ter confianza en que a resolución provisional non vaia ter numerosas incidencias ou erros. Hoxe mesmo, día 24, aínda se mantivo aberto o prazo para cargar prazas por parte das inspeccións e das direccións e seguía chegando a profesorado afectado a comunicación de supresións das prazas definitivas. Os recortes de prazas nos IES e os axustes que se aplican en Infantil e Primaria levaron a constantes cambios nestas últimas datas.
O sindicato denuncia a opacidade da administración que nin tan sequera convocou reunións para “negociar” as vacantes, o que deixa sen valor calquera reunión coas xuntas de persoal que se poida producir.
Os prazos axustados para axustar os “cupos” e a redución de postos de traballo en secundaria levará, quizais con maior relevancia que en cursos anteriores, a que no CADP figuren prazas con afíns que despois non existen como tal e prazas sen afíns que finalmente si terán, o que implica un engano para o profesorado que participa na elección de destinos provisionais.
A negativa a desdobrar aulas e a redución de cadros de persoal en primaria está a procurar, segundo as informacións que imos obtendo dalgúns centros, que non se produza ningún tipo de efecto no aumento de persoal destas etapas, senón precisamente o contrario.