Cumpriuse o guión: asinan un acordo retributivo que hipoteca o profesorado galego até 2021

Unha negociación fraudulenta desde o principio remata cun pacto por detrás en pleno verán sen posibilidade de consultar ao profesorado.

A Consellaría e os socios sindicais habituais veñen de asinar o peor acordo retributivo dos últimos anos, con condicións aínda peores que o acordo de 100€ asinado no 2003 e moi lonxe do acordo de 2006, cun incremento de 150€ e que contara co aval da CIG-Ensino. O acordo revístese da indecencia que supón facelo en pleno verán e sen ningunha nova convocatoria de Mesa Sectorial, de costas ao profesorado e á súa representación maioritaria. 

O fondo e as formas. Todo é importante. As raquíticas contías e os prazos insultantes foron motivo suficiente para que a CIG-Ensino denunciara desde un primeiro momento a farsa da negociación, cuns sindicatos entregados sen rubor á Consellaría. O feito de que se boicoteara, tanto por parte da Xunta como dos seus socios na negociación, toda posibilidade de abrir un debate para mellorar as nosas condicións de traballo, como demandaron case 12.000 docentes en apoio á campaña de recuperación de dereitos, foi sen dúbida o primeiro favor que pagaron quen agora estamparon a súa sinatura no acordo, negándose rotundamente a ampliar a negociación máis alá dos aspectos estritamente retributivos e condicionando o debate sobre a homologación cuns criterios inasumíbeis. Igual que fixeron ao se negar (por segunda vez os mesmos sindicatos) a introducir na negociación a devolución das pagas extras recortadas de 2013 a 2016, o “feito diferencial” do goberno Feijóo que supuxo un dos principais motivos da nosa perda salarial ao respecto doutros docentes do Estado. 

En pleno mes de xullo consúmanse unhas negociacións ás agachadas e sen posibilidade de consultar o profesorado, que está fóra dos centros de traballo. O pacto supón que até 2021 non se cobrará a suba de 90 euros coa que supostamente se equipara actualmente o noso salario co do resto do Estado.

Mais o certo é que o final fai honra a todo o proceso. En pleno mes de xullo, rodeados dunha negociación ás escuras e co profesorado fóra doscentros de traballo, consumouse o previsto: pactouse que dentro de DOUS ANOS E MEDIO, en xaneiro de 2021, o profesorado galego percibirá 90€ brutos para, supostamente, homologar as nosas retribucións coas que AGORA ten o resto do persoal docente do Estado.

Hipotecan calquera mellora até 2021 e pretenden condicionar calquera negociación de futuro

Máis alá das cifras e dos prazos, a letra pequena do acordo é, se cabe, máis preocupante. O que se acaba de facer é darlle carta branca á Consellaría para que non negocie ningún tipo de mellora até 2021. Ao tempo, danse por bos os criterios tramposos desta negociación e indícanse que serán os que se empreguen nun futuro. Desbotan, por exemplo, que nalgún momento se poidan ter en conta, como demandou a CIG-Ensino, as contías globais que cada docente cobra, como mínimo, en cada Comunidade Autónoma desde o primeiro día de traballo, un criterio que tiraba pola borda os cálculos á baixa dos sindicatos estatais e da Consellaría. Por suposto, os mesmos asinantes póñense como salvagarda de que nada se mova, constituíndo unha nova “comisión de seguimento”. Un novo paripé da vella escola do entreguismo.

Acaban de asumir, por tanto, unha hipoteca: a de renunciar a calquera suba que realmente sexa digna e consecuente cos tremendos recortes sufridos polo profesorado galego desde 2009.

Un negocio redondo para a Xunta: négase calquera acumulación doutros posíbeis acordos

Por vez primeira nun acordo a nivel galego, recóllese que este pacto inclúe os fondos derivados do acordo retributivo de Madrid, pendentes de trasladar aínda ao persoal da Xunta. Falamos dun 0,3% da masa salarial que vai permitir que no ano 2018 a Xunta non poña nin un euro adicional para afrontar este acordo docente. É máis, vai aforrar 60€. No ano 2019, só terá que achegar 158€ para facer fronte ao incremento de 280€ anuais pactados. O uso destes fondos para pagar parte do acordo docente ocultouse por parte da Consellaría até o final da negociación e só recibiu a denuncia da CIG-Ensino. Un negocio redondo para a Xunta, unha nova estafa ao profesorado. 

 O uso dos fondos derivados do acordo de Madrid ocultouse por parte da Consellaría até o final da negociación, o que lle permitirá que ao longo de este ano mesmo vai aforrar cartos á hora de sufragar este acordo.

Desprézase a vontade do profesorado.

O profesorado quere mellorar as condicións de traballo. Quere recuperar o horario lectivo que tiña no ano 2009, coa chegada de Feijóo á Xunta. Nun momento no que a nova ministra parece querer abrir a porta a recuperar, polo menos, as 18 horas en secundaria, en Galiza, Xunta e sindicatos asinantes deciden que non toca tomar a iniciativa. Como tamén se negaron a falar de rateos, de burocracia, de estabilidade, de atención á diversidade, de non pagar por enfermar… Semella que todos estes temas eran secundarios e molestaban.

Sen consulta nin información ao profesorado

O profesorado volverá ás aulas en setembro e verá como, sen información nin contraste, unha minoría sindical vendeu a negociación retributiva con criterios, contías e prazos insultantes. Preferiron unha baixa temeraria que afrontar un conflito aberto para forzar á Xunta a ir máis alá, tanto no retributivo como nas condicións de traballo, co comezo de curso. Evidénciase unha vez máis os diferentes modelos sindicais que representa a CIG-Ensino e aqueles que optan pola submisión a quen executou os maiores recortes ao profesorado e agora non asume a restitución dos nosos dereitos.

Unha farsa que deixa tirado ao profesorado galego

Nos criterios para fixar cal era o desfase entre o profesorado galego e o do resto do Estado non se tiveron en conta as retribucións mínimas que se cobran nalgún territorios do Estado, nin o feito de que outros levan moitos anos cunhas diferenzas enormes ao respecto nosa. Tampouco se tivo presente que case todas as CC.AA abrirán negociacións, con total seguridade, para incrementar as retribucións do seu profesorado nos próximos meses, coas eleccións autonómicas ás portas. Un panorama que explica claramente as présas da Xunta por pechar en falso un acordo que non lle implicara un alto custe e que fai aínda máis incomprensíbel e indecente o apoio dado polos sindicatos asinantes. 

Diferenzas retributivas mensuais (14 pagas)
Docentes sen antigüidade
Media ponderada PES e Mestres
COMUNIDADE XULLO 2018 XANEIRO 2021
MELILLA 622€ 532€
CEUTA 622€ 532€
PAÍS VASCO 375€ 285€
NAVARRA 306€ 216€
BALEARES 197€ 107€
CANTABRIA 156€ 66€
CASTELA A MANCHA 124€ 34€
 

Cálculo feito sobre unha media ponderada das retribucións dos Corpos de Mestres e de PES sen antigüidade e computando só as retribucións mínimas que se cobran en cada territorio desde o 1º día de traballo. Só se reproducen na comparativa as comunidades con retribucións superiores a Galiza, comparando a situación actual co final da aplicación do acordo. Non se teñen en conta complementos (cargos, coordinacións, sexenios).

No cálculo a xaneiro de 2021 non se teñen en conta as posíbeis subas salariais que se pacten a a partir de agora no resto de CC.AA.

CIG Informa sobre a sinatura do acordo retributivo que hipoteca o salario do profesorado até 2021

Documento


Volver