Cumprido o ano de “negociación” o Plan de Igualdade do profesorado segue sen ser unha prioridade na axenda da Consellaría de Educación

A urxencia de contar con este plan faise máis evidente tras coñecer as opinións públicas que verteu un importante cargo da Consellaría negando que exista a “violencia machista” ou que a “identidade sexual” se converteu nunha arma de loita ideolóxica.

A día 23 de xuño de 2025, data na que tiña que estar aprobado, convócase unha reunión cun segundo borrador de diagnose no que non se recolle practicamente ningunha das alegacións feitas pola CIG-Ensino ao primeiro, nin se contempla iniciar a negociación do Protocolo de acoso, que é outra demanda do sindicato.

Cando debiamos estar dando difusión e publicidade ao I Plan de Igualdade do profesorado dependente da Consellaría de Educación, o que temos é un correo de convocatoria para o día 2 de xullo cun segundo borrador da fase inicial de negociación do mesmo moi similar ao primeiro e que non ten en conta practicamente ningunha das achegas que a CIG-Ensino fixo ao mesmo. Atopámonos aínda comezando a análise de datos que conducirá á elaboración da diagnose da situación, sobre a que se deseñarán posteriormente as medidas correctoras a incorporar no documento.

No ano transcorrido foron só catro as reunións totais, incluíndo nestas: unha primeira de constitución en xuño do 2024; cinco meses despois a de aprobación do regulamento de funcionamento da comisión e análise de tipo de datos a incluír na diagnose; unha terceira a finais de maio deste ano para presentar o equipo colaborador e a última, o mes pasado, a única na que houbo un pequeno avance.

Nin avances non Plan de igualdade nin inicio da negociación do Protocolo de acoso

A CIG-Ensino fixo unha serie de alegacións ao primeiro borrador de diagnose sobre cuestións que considerabamos imprescindíbeis e sobre as que insistiremos na reunión da vindeira semana. Faltan, entre outros datos, o da antigüidade real do persoal e coñecer o rexistro retributivo no que se manifesten as diferenzas no cobro de todos os complementos entre o persoal docente. Esta última cuestión é imprescindíbel para coñecer se están masculinizados os complementos de maior retribución e pola contra feminizadas as funcións non asociadas a complementos retribuídos, como poderiamos intuír inicialmente. Por outra banda, é importante que ese rexistro poña de manifesto as medias xornadas e a temporalidade do persoal substituto, información coa que polo de agora non contamos.

A CIG-Ensino, sindicato maioritario na parte social da comisión, manifestou á administración en diversas ocasións a súa preocupación polo ritmo de traballo e nestas últimas semanas alertou da gravidade de non ter a estas alturas convocatoria de nova reunión forzando á convocatoria que vimos de recibir no día de hoxe. Trasladamos tamén a proposta de ir avanzando, paralelamente á análise de datos, na negociación do protocolo de acoso, cuestión que non figura na orde do día da reunión.

Entendemos que estamos a falar de máis de 30.000 docentes e o volume de datos estatísticos é grande, pero esta dificultade foi manifestada polo sindicato desde o inicio e a administración non quixo ser consciente da dimensión do proxecto, como evidencia o escasísimo número de reunións e que botara man dun equipo colaborador pasadas xa tres cuartas partes do tempo estabelecido para pechar o prazo.

A negociación debera ser un traballo colaborativo entre administración e organizacións sindicais presentes na comisión, onde cada quen actuara de boa fe para acadar un plan realista e útil, mais non estamos en igualdade de condicións, quen ten os medios para obter os datos e determina os tempos é a Consellaría de Educación, non nós.

Desde a CIG-Ensino exiximos que dunha vez por todas se dea ao Plan de igualdade e ao Protocolo de acoso a importancia e prioridade que teñen e avancen nunha negociación que até agora resultou absolutamente frustrante.

Volver