Convocatoria do Ministerio para docentes e asesorías no Exterior

Publicáronse hoxe, 26 de novembro, no BOE as convocatorias do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a adscrición de docentes e asesorías en diferentes estados do mundo

Na reunión do Grupo de Traballo do Exterior do Ministerio, a CIG transmitiu diferentes solicitudes. Desde a Administración indicouse que se ía atender a nosa proposta para que a redacción fose con linguaxe non sexista, mais comprobamos que iso non se corrixiu por completo, pois continúase con xeneralizacións en masculino como "catedráticos", "profesores", etc. Así mesmo, a Administración trasladou que tería en conta a petición da CIG para que tamén fosen baremados como méritos os coñecementos de galego e vasco (o catalán e as outras linguas oficiais de estados xa estaban a ser baremadas). Como na redacción actual non fica explícito, agradecemos que alguén nos indique se finalmente se encontrar cun problema por non lle baremaren o nivel de galego, como debería ser.

Hai varias peticións da CIG que non foron atendidas, entre as cales queremos destacar a solicitude de que nas prazas de asesorías tamén se poidan presentar profesoras e profesores coas especialidades das outras linguas do Estado, incluída por tanto Lingua Galega e Literatura. Por outro lado, preguntamos por que motivo non se convocaban en adscrición as prazas de Portugués (só se cobren interinidades a diferenza doutras linguas como Francés ou Inglés. De acordo co resto das forzas sindicais, tamén solicitamos máis unha vez que se mudase a situación económica do profesorado interino e que houbese transparencia en relación ao cadro de persoal do Ministerio de Educación e Formación Profesional no Exterior.

Ligazón a Prazas Docentes no Exterior 2021-2022

Volver